
A rexedora pediu o voto en Calde para Pedro Sánchez, que a partir do 26 de xuño “converterase no presidente das oportunidades”
“O cambio somos os socialistas e así o demostramos onde gobernamos”, asegurou Lara Méndez nun encontro con veciños na escola de Calde, ata onde se achegou esta tarde para pedir o voto nas vindeiras eleccións para Pedro Sánchez.
Na xuntanza, a rexedora defendeu que “a partir do 26 de xuño, Pedro Sánchez converterase no presidente das oportunidades, ao igual que Felipe González foi o dos dereitos e Zapateros o das liberdades”. Neste senso, lembrou que foron Goberno Socialistas os que dignificaron tanto a figura do dependente e do pensionista como os que garantizaron a educación e a sanidade pública, gratuíta e de calidade.
“Non nos podemos permitir perder máis do que perdemos, temos que recuperar todos os dereitos que nos arrebataron, e para rachar con todo o que non é xusto está o Partido Socialista”, reivindicou a rexedora, quen manterá un encontro co veciñanza mañá no local social das Regas, ás 21:00 horas, dentro da rolda de visitas ás parroquias que está realizando ao longo da campaña electoral.
“O cambio soamente é posible cando hai vontade e os socialistas témola toda”, concluíu Méndez ao tempo que lembrou a disposición do Goberno Municipal para sacar adiante uns orzamentos que inclúen propostas de todos os grupos da Corporación Municipal.