No encontro, a Alcaldesa pediu o apoio dos lucenses para o PSOE, posto que “somos o único partido capaz de acabar coa desigualdade sanitaria e de recuperar unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade”
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este mércores un encontro cos veciños e veciñas no local social das Regas, na parroquia de Carballido, onde lles transmitiu algunha das prioridades do programa electoral socialista, que entre outras accións recuperará a universalidade da sanidade a partir do 20 de decembro, poñendo fin deste xeito á privatización do PP, o que provocou o deterioro da sanidade pública.
Durante o encontro, a líder socialista explicou as diferentes medidas do PSOE en custións sanitarias, entre as que se atopa promover unha nova Lei Xeral de Sanidade que asegure a cobertura universal gratuíta para todos, o dereito á atención sanitaria e a protección da saúde nun sistema de carácter público.
“Outro dos obxectivos do Partido Socialista é reforzar a xestión pública do sistema de saúde”, avanzou Lara Méndez, quen explicou que con esta proposición o PSOE pretende manter a titularidade pública dos hospitais e centros de saúde e dos servizos sanitarios e clínicos que se prestan nos mesmos, sen prexuízo de que o sector privado poida desenvolver actividades complementarias.
No encontro, Méndez pediu o apoio dos lucenses para os socialistas, posto que “somos o único partido capaz de acabar coa desigualdade sanitaria e de recuperar unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade”.
Lara Méndez continuará coa visita ás parroquias lucenses durante a campaña electoral, reuníndose cos veciños e veciñas e cos colectivos do rural para transladar o programa electoral do PSOE. A próxima xuntanza terá lugar este venres, 11 de decembro, ás 21:00 horas, no local social de Camoira.