Daralle continuidade ao plan de melloras de parques infantís, renovándoos e creando novas zonas de xogos cubertas en Paradai, Fingoi, Gallego Tato, Fontiñas e Fonte dos Ranchos.
Porase en marcha o movemento ‘Ecopeques’, “no que os máis pequenos sexan os defensores dun Lugo máis limpo e ecolóxico” sostivo a alcaldesa e candidata socialista.
Estudará co Colexio de Enfermería a creación da figura dos Enfermeiros Escolares para accións formativas e educativas en saúde nos centros de ensino.
A Alcaldesa de Lugo e candidata socialista, Lara Méndez, seguirá co plan deseñado de atención a infancia vinculado cos espazos onde poidan gozar e socializar. Neste senso, daralle continuidade ao Plan de Mellora de Parques Infantís, onde neste mandato se renovaron e ampliaron 13 espazos de xogos infantís e executouse un novo na Praza Bretaña. Ademais, están a punto de comezar as obras, xa adxudicadas, en O Castiñeiro e en Campo Castelo, que será o primeiro ecoparque de Lugo. Tamén está presentado o proxecto de mellor do parque do Sagrado Corazón, que se converterá nun parque de aventuras.
Outra das ofertas de Lara Méndez é a creación dun gran espazo temático de 6.000 metros cadrados alusivo á cultura castrexo romana, para os nenos e nenas, adolescentes e familias, que finalmente irá na contorna do Miño. “Será un lugar de encontro na natureza para vivir, compartir e difundir o legado patrimonial lucense para potenciar o coñecemento da nosa historia de xeito más dinámico e divertido e para potenciar a identidade e o orgullo de Lugo xa desde a infancia”, sostén a rexedora. Incluirá zonas de xogo, de deporte e de esparexemento e convivencia familiar.
Por outra banda, a alcaldesa dará un novo pulo a educación en valores medioambientais desde a infancia, “que garanta un maior respecto e coidado ao noso espazo común. Por iso, activaremos máis accións divulgativas -como as que estamos xa a facer – de talleres de reciclaxe, limpeza urbana e prevención de lumes forestais, creando o movemento dos ‘Ecopeques’, no que os máis pequenos sexan os defensores dun Lugo máis limpo e ecolóxico”. Así mesmo, desenvolverase no vindeiro mandato un proxecto de Cidades Educadoras coa participación de todas as área de Goberno, se seguirán creando Vieiros Escolares Seguros. potenciarase o Parque Infantil de Tráfico e estudarase co Colexio de Enfermería a creación da figura dos Enfermeiros Escolares para accións formativas e educativas en saúde nos centros de ensino.