Nun encontro cos veciños en Esperante, a Alcaldesa de Lugo explicou que o actual goberno do PP sacou preto de 40.000 millóns de euros do Fondo de Reserva da Seguridade Social
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este luns no Local Social de Esperante ante a veciñanza do rural o programa do PSOE en materia de pensións, destacando que “mentres o goberno socialista de Zapatero deixou 70.000 millóns de euros no Fondo de Reserva da Seguridade Social e nunca retirou nin un só euro, o actual goberno do PP, con Rajoy á fronte, xa leva sacado preto de 40.000 millóns de euros”.
Neste senso, a líder dos socialistas indicou que “o Partido Socialista ten un compromiso político, que implica recuperar a centralidade do Pacto de Toledo como expresión dun consenso básico na defensa do mantemento e mellora do sistema público de pensións”. Tamén reforzará o Fondo de Reserva a través dunha mellora da súa regulación.
Outras medidas que levará a cabo o PSOE no goberno é garantir o poder adquisitivo das pensións, ademais de incrementar as pensións mínimas e as pensións de viuvez para maiores de 65 que non reciban outra pensión pública ata alcanzar o 60%, que foi suspendida reiteradamente polo Goberno do PP durante todo o seu período de Goberno.
No que se refire á sustentabilidade financeira, o PSOE quere corrixir o actual e conxuntural desequilibrio nas contas da Seguridade Social sen diminución de dereitos para a cidadanía, pero tamén facer fronte á intensificación do gasto en pensións no medio e longo prazo provocado polo progresivo incremento do número de pensionistas que resulta da xubilación da xeración do baby boom e do alongamento da esperanza de vida.
Lara Méndez pediu o apoio para o Partido Socialista o vindeiro 20 de decembro, “a única alternativa para facer fronte ás políticas baseadas na perda de dereitos e capaz de garantir a sostenibilidade do sistema público de pensións”.
A Alcaldesa de Lugo continuará coa visita ás parroquias lucenses durante a campaña electoral, reuníndose o mércores cos veciños e veciñas na escola de San Xoán do Campo ás 21:00 horas.