O Concello traballa para que salgan adiante canto antes os trámites necesarios para a ampliación do CEIP As Mercedes e está na última fase para poñer a disposición da Xunta os terreos dun novo centro escolar no Sagrado Corazón
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou que para o Concello resulta “inaceptable” que a Xunta de Galicia “só se preocupe de Lugo con fins electoralistas, e non para cumprir os compromisos que levan anos e anos ofrecéndonos, e que nunca cumpre”. Así respondeu a rexedora ás declaracións nas que a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acusou ao Goberno local de bloquear o proxecto de ampliación do CEIP As Mercedes e a construción dun novo colexio no barrio do Sagrado Corazón.
“En vez de traballar pola colaboración institucional en beneficio da cidadanía, como é a obriga de todas as persoas que ocupamos un cargo público, a Xunta sempre bota balóns fóra e opta por culpar a outras administracións dos seus incumprimentos buscando sempre os réditos electorais”, subliñou a Alcaldesa, quen precisou que o Concello “está traballando para que salgan adiante canto antes os trámites necesarios” para as obras das Mercedes e o Sagrado Corazón.
A Xunta “sabe cales son os procedementos nos dous casos. No do CEIP As Mercedes hai unha licencia solicitada, que necesita uns trámites, como a que solicita calquera veciño, un procedemento que estamos intentando axilizar, pero dentro da legalidade establecida”. Con respecto ao Sagrado Corazón, o Concello está na última fase para poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a construción dun novo centro no barrio, explicou Méndez, co pago das expropiacións. “Houbo propietarios que xa recolleron o cheque, e outros que non o fixeron polos motivos que sexa, porque non están ou porque, de maneira lexítima, consideran que deben ter outro prezo, casos para os que o diñeiro xa está en depósito, de maneira que podemos continuar cos trámites para poñer os terreos a disposición da Xunta”, sinalou a rexedora.