A Alcaldesa cualifica como “insuficiente” a partida de 1,2M€ para equipar ao novo auditorio, pero dalle a benvida, “porque todo é necesario para saldar as débedas históricas que ten a Xunta de Galicia con Lugo”
“Seguiremos esixindo coñecer en canto está valorada a dotación do auditorio e solicitaremos o total equipamento desta infraestrutura”, asegurou a rexedora, quen lamentou o ninguneo que está a sufrir a cidade por parte Feijóo
“Para Feijóo, Lugo é cidade unicamente cando se convocan eleccións”. Así o manifestou este venres a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tras coñecer a existencia dunha partida, anunciada por Feijóo, de 1,2 millóns de euros para equipar o novo auditorio de Lugo, instalacións que contemplan múltiples deficiencias un mes despois da súa visita.
Para Lara Méndez toda inversión para Lugo é benvida, “porque todo é necesario para saldar as débedas históricas que ten a Xunta de Galicia con Lugo”, pero a rexedora considera “unha falta de respecto e lealdade institucional, non á Alcaldesa nin ao Goberno de Lugo, senón aos lucenses” o anuncio realizado de xeito unilateral por Feijóo de dita partida, que a Alcaldesa cualificou como “insuficiente”, para a dotación do auditorio, sen coñecer primeiro a estimación do custo total do seu equipamento, tal e como se comprometera a Conselleira durante unha reunión.
“Seguiremos esixindo coñecer en canto está valorada a dotación do auditorio e solicitaremos o total equipamento desta infraestrutura”, asegurou Lara Méndez, quen lamentou o ninguneo que está a sufrir por parte da Xunta Lugo e os lucenses, “como nos ten acostumados, pois nada sabemos da implantación dos servizos pendentes no HULA, dos novos usos para o Vello Xeral, da rehabilitación da Tinería ou da Intermodal”.
“A Xunta ten que equipar ao auditorio de Lugo, como se fixo en Ferrol e nos demais sitios de Galicia, non pedimos nada distinto”, asegurou a rexedora, ao tempo que denunciaba o afán electoralista que realiza a Xunta sen pensar na cidadanía.