A Alcaldesa de Lugo avanza no seu compromiso de crear un novo pulmón verde que lle dea continuidade ao Parque de Rosalía de Castro e ao Miño, ampliando o cinto natural da cidade.

A Xunta de Goberno aprobará mañá o inicio da licitación da demolición, que se executará nun prazo de 8 meses tras a entrega do proxecto, cun orzamento de 965.000 euros.

O Concello finaliza, ademais, un expediente urbanístico no que se constata que o construído non é legal nin legalizable ao incumprir o Pepri e non axustarse á licenza.

O compromiso da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, de converter o espazo onde se levanta o Garañon (URPI 58) nunha zona verde na súa totalidade da un novo paso coa aprobación mañá do proceso de licitación para derrubar de forma inminente o edificio, “derrubo que, tal e como prometemos, desenvolverase neste mandato”, sostivo a rexedora.

Así o anunciou esta mañá a Alcaldesa, que lembrou que o seu obxectivo é darlle resposta a unha demanda social e crear un novo pulmón verde na cidade que lle dea continuidade ás Costas do Parque e ao parque de Rosalía de Castro, un dos máis emblemáticos, ampliando así o cinto natural de Lugo, “axudando a integrar o río Miño na cidade, sendo coherentes co modelo sostible que impulso desde o mandato pasado e que aposta pola recuperación, renaturalización e creación de novos espazos para o esparexemento e lecer da cidadanía”.

O procedemento de demolición, que se acometerá por execución subsidiaria, discorre de xeito simultáneo ao prazo de dous meses que a Administración local lle concedeu á propiedade para que se faga cargo dos traballos, “co fin de que, esgotado ese tempo sen ningunha xestión realizada pola súa parte ao respecto, o Concello poida ter avanzada xa a tramitación necesaria para eliminar a construción”, avanzou Lara Méndez.

A Alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, explicou que a Xunta de Goberno autorizará a contratación dun proxecto visado de obras completo de demolición que inclúe a reposición ao estado orixinal dos terreos -co que se dá así resposta á sentenza que obriga a repoñer a legalidade urbanística na contorna-, a execución das obras, así como a dirección facultativa necesaria das mesmas e que abranguerá a todo o edificado sen título habilitante.

Lara Méndez apuntou que, tendo en conta o carácter excepcional e complexo do expediente e que o derribo se pode realizar por diferentes métodos – manual, mecánico, combinado, ou incluso voadura controlada -, o Executivo entendeu conveniente licitar a obra a través dun contrato mixto, descartando outras posibilidades como o concurso de proxectos, para diminuír o custo da operación, favorecendo, alén, a libre concorrencia. Por iso, a empresa debe redactar e executar o proxecto. O prazo de entrega do proxecto será de dous meses e o de materialización da demolición, de 8 meses, que comezarán a contar dende a data na que se asine a acta de replanteo.

A superficie onde actuará será de 18.662 m² e o valor estimado da licitación ascende a 965.000 euros (cuxa consignación orzamentaria xa está habilitada), unha cantidade que foi determinada en base ás consultas realizadas a diferentes empresas especializadas en grandes demolicións.

Obras que incumpren a legalidade

De xeito paralelo a este proceso, o Concello segue a traballar na modificación puntual do PXOM nese espazo. Así mesmo, segundo avanzou a Alcaldesa, se está tamén a piques de resolver o expediente de Disciplina Urbanística que pon de manifesto que o Garañón non se axusta á licenza, outorgada no seu día e posteriormente anulada, en base a un novo informe do Servizo de Arquitectura.

O Concello, tras realizar un levantamento topográfico da das obras existentes, constatou que “o edificado que se estaba a executar non respecta o delimitado no título habilitante concedido e que, por tanto, o inmoble, ademais de ilegal é totalmente ilegalizable ao amparo do ordenamento urbanístico vixente xa que non cumpre o PERI en vigor e, ademais, incrementa o agravio que xa se puxo de manifesto na sentenza xudicial que obriga á reposición da legalidade”, concluíu a Alcaldesa.

O concelleiro Alvaro Santos concretou que, á vista dos estudos realizados, as torres, no seu estado actual, presentan unha serie de diferenzas que evidencian unha falta de adecuación sobre o proxecto que obtivo a autorización, destacando, especialmente o importante incremento en altura dos dous volumes edificados xa que, entre outros aspectos, as plantas altas superan, cada unha, en 10 cm o recollido no devandito proxecto.

“Tampouco as tres plantas do soto, o semisoto ou a cuberta cumpren o PERI aprobado por, neste último caso e entre outros motivos, sobrepasar o concepto denominado sólido – capaz, é dicir, o volume limitado pola rasante de aplicación, os planos da fachada e de cuberta, que fan que, entre outras anomalías, aumente a superficie das tres terrazas”, aclarou.

Nestes momentos os interesados na causa teñen concedido un trámite de audiencia de dez días para que presenten as alegacións que estimen oportunas a este informe, tempo tralo cal a Administración poderá resolver de forma definitiva.

O responsable de Sostibilidade Urbana indicou que, por outra banda, vén de desestimar as alegacións presentadas pola defensa do promotor da obra para suspender o procedemento. “Unha petición que se fixo en base á caducidade do mesmo, establecida legalmente en 6 anos logo da terminación das obras; unha edificación que, se constata perfectamente, non foi concluída e unha petición que tampouco atende á outra causa esgrimida pola defensa: a lexitimidade e necesidade de resolución previa dunha reclamación patrimonial pola anulación do título habilitante que, en todo caso, sería motivo doutro procedemento xudicial. Visto o cal, debe imperar a obriga da Institución de adoptar as medidas necesarias para restaurar a orde urbanística vulnerada e repoñer a legalidade cumprindo a senteza xa ditada. Unha meta que, logo do anunciado hoxe, podemos dicir que estamos a piques de alcanzar”, afirmou.