A Alcaldesa mostrou o seu asombro ante a reacción do BNG, porque todos os grupos políticos tiveron ocasión de presentar alegacións aos pregos expostos ao público e non o fixeron
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mostrou o seu asombro ante as declaracións do voceiro do grupo municipal do BNG, xa que “non sabemos que intencións ocultas pode ter o BNG, paran manifestar que queren estar presentes nas mesas de contratación como partidos políticos, cando poden falo como cidadáns, posto que se trata de convocatorias públicas e abertas”.
Neste senso, a rexedora fíxolles unha invitación a todos os grupos políticos para que acudan a aperturas dos sobres de ofertas nas licitacións, xa que calquera cidadán pode acudir ao tratarse de procesos públicos. “Non se entende ese afán que teñen ou porque queren ter un privilexio pola súa condición de políticos porque cren que pode afectar na contratación, cando os criterios son técnicos, as valoracións son técnicas e os actos son públicos”, asegurou Lara Méndez.
A Alcaldesa tamén incidiu en que “xa están ben de poñer continuamente en dúbida o traballo que realizan os técnicos municipais”, posto que están traballando día a día en servizo dos veciños e veciñas de Lugo, para conseguir entre todos que as festas patronais da nosa cidade sexan as mellores e que as poidamos disfrutar tanto os veciños como todos os que nos visitan durante eses días.
Ademais, “os pregos tamén se presentaron na Comisión de Festas do San Froilán e ningún grupo político dixo nada ao respecto, nin achegaron unha soa proposta”, tal e como explicou a rexedora, quen tamén sinalou que “a maiores, estes pregos estiveron en exposición pública e tampouco presentaron ningunha alegación, que aí é onde teñen a competencia de presentar alegacións, se o consideran oportuno”.