–      A candidata socialista, que puxo a Lugo como exemplo de vangarda no uso da madeira na loita contra o cambio climático, aposta pola diversificación dun sector clave para o rural.

–      Méndez visitou hoxe Madeiras Besteiro, empresa lucense que con case un século de vida é un referente pola súa innovación permanente.

Lara Méndez, candidata por Lugo polo PSdeG-PSOE, visitou esta mañá á lucense Madeiras Besteiro, empresa familiar creada en 1930 e un referente en Galicia pola súa capacidade de adaptación ao mercado e pola súa innovación e modernización permanente.

“Empresas como Besteiro, con case un centenar de traballadores, son as que crean país e axudan a asentar poboación no rural a través de coidar a potencialidade dos recursos naturais do territorio, neste caso da madeira e do sector forestal, que aporta case o 2% do PIB galego e que da emprego a máis d 25.000 persoas”, destacou.

A candidata trasladou a necesidade de coidar e de incentivar unha xestión sostible dos bosques así como a innovación e a investigación que xa están a axudar a diversificación de técnicas e de modelo produtivos para xerar novos produtos e materiais que contribúan a loitar contra a emerxencia climática.

“Este é unha das estratexias que porá en marcha José Ramón Gómez Besteiro cando sexa presidente da Xunta nun sector que o PP de Feijóo e Rueda abandonaron a súa sorte mentres que desde o concello socialista de Lugo levamos xa 9 anos apostando por construír os primeiros edificios públicos en altura en madeira 100% de Galicia como elemento estrutural e procedentes dunha xestión sostible e certificada, que sitúan a nosa cidade á vangarda europea grazas a súa aportación para reducir a pegada de carbono fronte ás edificacións de aceiro e formigón”.

“España e o resto de Europa mira para Lugo e para o Campus Terra, que a Xunta quere agora desmantelar se non o impedimos, xa que desde este campus se está a desenvolver unha importante investigación sobre os novos usos da madeira”, incidiu Lara Méndez.

A candidata lamentou a actitude negativa do PP: “O proxecto de Lugo tería que ser un proxecto prioritario para a Xunta – como así o consideran tamén desde o Cluster da Madeira -, que debería apoiar e impulsar pola súa enorme importancia para o sector forestal e o rural, pero lonxe de iso leva anos criticando esta estratexia vinculada cos fondos LIFE europeos só porque non goberna o cCncello de Lugo. Feijóo e Rueda só gobernan para os seus mentres que os socialistas e Besteiro temos claro que gobernamos para todos e todas as galegas, independentemente de a quen voten”.