“Estamos fartos das promesas do PP, pois non soamente é o AVE, tamén é o barrio da Residencia e mesmo o HULA. As promesas que veñan do PP que vaian reflectidas no BOE ou no DOG para comezar a crer”, asegurou Méndez
O anuncio do Partido Popular de que se goberna o PP Lugo terá AVE a Madrid, amosa unha vez máis o engano do PP aos lucenses. Así o manifestou este sábado a Alcaldesa, Lara Méndez, que subliñou que “novamente, e como en cada campaña electoral, o Partido Popular xoga a enganar á xente, pero o que é peor, é que son conscientes de que nos están mentindo, posto que non teñen intención ningunha de cumprir con esa promesa”.
“Non é soamente o feito de que o PP fale cando hai campaña e que o teña que facer na súa sede por medo a atoparse coas recriminación dos cidadáns. E que ademais non ten memoria, porque isto mesmo que se prometeu onte xa o prometeu Feijóo en 2009, decindo incluso que supliría ao Ministro Blanco, ao Ministro que máis investiu en Lugo, para facer el mesmo o AVE a Madrid”, asegurou Méndez ao tempo que lamentaba que despois de 6 anos, Feijóo non soamente non fixo aquelo que prometera, senón que ademais non fixo tampouco o que debe facer un bo presidente, esixir en Madrid un tren de alta velocidade, que é o que demanda a cidadanía de Lugo.
“A partir do 20 de decembro non será o PP o que decida se o AVE chega a Lugo ou non”, aseverou a rexedora ao tempo que subliñaba que “os lucenses xa estamos fartos das promesas de Feijóo e do PP, pois non soamente é o AVE, tamén é o barrio da Residencia e mesmo o HULA. Como sempre dixen, as promesas que veñan do Partido Popular que vaian reflectidas no BOE ou no DOG para comezar a crer”.