A Alcaldesa de Lugo e candidata socialista participou na concentración en defensa da lingua galega na Praza Maior.

Comprométese a seguir consolidando o papel da administración local como axente normalizador do uso do galego.

Reivindicou o valor da figura de Francisco Fernández del Riego, persoeiro ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, e que foi o precursor desta celebración.

“Un cuarto da infancia en Galicia non sabe falar galego e case a metade só usa o castelán, é unha situación que debemos reverter”, alertou hoxe a Alcaldesa de Lugo e candidata socialista, Lara Méndez, durante a súa presenza hoxe na concentración en defensa da lingua galega na Praza Maior.

Neste senso, referiuse aos últimos datos do IGE sobre a xente nova, “que reflicten que cada vez usan menos galego ou, o que é peor, nin tan sequera sabe falalo con propiedade. Un 24% da mocidade entre os 5 e os 14 anos non sabe expresarse no idioma correctamente, e o 44% exprésase sempre en castelán”, comentou, e instou á Xunta a “exercer a súas competencias para a promoción da nosa lingua nai desde a infancia”.

Lugo é unha das grandes cidades de Galicia onde se fala máis habitualmente o galego, e destacou o esforzo da institución local “para consolidar o noso papel normalizador por medio da xeneralización do uso do galego no traballo e comunicación cos seus administrados. E así nos comprometemos a seguir facéndoo”.

Asi mesmo, puxo en valor o papel de Francisco Fernández del Riego, persoeiro ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, e que foi o precursor desta celebración. “Foi unha das figuras que foi abrindo máis espazos de visibilización do galego desde a década dos anos 30 do século pasado”.