A rexedora loubou a xenerosidade de Pedro Sánchez, “que antepón os intereses da cidadanía aos persoais, e non como outros que pediron sillóns e ministerios”
“Todos os dereitos e liberdades viñeron da man dos socialistas”. Así o reivindicou Lara Méndez este mércores nun encontro coa veciñanza no local social de As Regas, ata onde se desprazou esta tarde dentro da súa rolda de xuntanzas con veciños e veciñas ao longo da campaña electoral.
Neste encontro, a rexedora subliñou a posibilidade de cambio coas vindeiras eleccións do 26 de xuño, “unha posibilidade para recuperar todos eses dereitos e liberdades conseguidos por Felipe González e Zapatero, que dignificaron ao pensionista e ao dependente e garantizaron a educación e a sanidade públicas”, asegurou Méndez, quen pediu o voto para os socialistas, “que demostramos con feitos onde gobernamos e non con palabras que o cambio é posible”. Neste senso lembrou a disposición do Goberno Municipal para sacar adiante uns orzamentos que inclúen propostas de todos os grupos da Corporación Municipal, así como o diálogo constante que mantén o Goberno Socialista do Concello co resto de forzas políticas.
Lara Méndez loubou a xenerosidade de Pedro Sánchez, “que antepón os intereses da cidadanía aos persoais, e non como outros que pediron sillóns e ministerios”, así como a súa capacidade de diálogo e a vontade de executar problemas buscando como prioridade asegurar un futuro á cidadanía.