“Os socialistas onde gobernamos demostramos capacidade de diálogo, de comprensión e de cesión”, subliñou a rexedora, quen lembrou a total disposición de Sánchez para formar Goberno
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pediu esta tarde na escola de Camoira o voto para o PSOE nas vindeiras eleccións do 26 de xuño “para dignificar a figura do pensionista e do dependente, e como garantía para paliar as desigualdades creadas polo Partido Popular”.
No encontro, a rexedora fixo fincapé na total disposición e na valentía de Pedro Sánchez para formar Goberno, así como na súa vontade de diálogo con outras forzas políticas para buscar o ben común da cidadanía. “Os socialistas onde gobernamos demostramos capacidade de diálogo, de comprensión e de cesión”, asegurou Méndez, quen exemplarizou as súas palabras lembrando que o Goberno Municipal logrou aprobar os orzamentos dialogando co resto de forzas políticas da Corporación.
Méndez pediu o voto para os socialistas, “para atallar que a sanidade sexa un privilexio, para garatir unha educación pública, para recuperar as pensións públicas e para acadar a igualdade de oportunidades, que soamente pode vir da man de Pedro Sánchez”.
A Alcaldesa continuará mañá coa visita ás parroquias luguesas ao longo da campaña electoral, achegándose a escola de Calde, ás 21:00 horas.