A Alcaldesa avanzou o programa electoral socialista en materia de apoio aos autónomos, “un dos colectivos máis castigados polas políticas destrutivas do Goberno do PP”, nun encontro con veciños en San Xoán do Campo
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pediu este mércores na escola de San Xoán do Campo o voto para o PSOE, “único partido capaz de dignificar as condicións laborais dos máis de 3 millóns de autónomos de España, un dos colectivos máis castigados polas políticas destrutivas do Goberno do PP”.
No encontro, a rexedora avanzoulle ao medio cento de veciños e veciñas que asistiron o programa electoral socialista en materia de apoio aos autónomos. Entre as propostas están a rebaixa ao 0% do tipo de interese dos créditos brandos do Goberno que financian proxectos de I+D empresarial e recoñecer ao investidor comprometido co emprendemento e a innovación, así como mellorar a contorna fiscal e financeira para facelo accesible de forma preferente ás PEMEs, capaces de desenvolver actividade innovadora vinculada á xeración de postos de traballo.
Méndez explicou ademais que o Partido Socialista permitirá que aqueles autónomos que fracasen e se acollan á segunda oportunidade poidan beneficiarse de todos aqueles incentivos e medidas de apoio que teñen os novos emprendedores. Reformar o sistema de pago de impostos pola actividade económica dos emprendedores facendo que se axuste aos ingresos realmente percibidos, o que facilitará o inicio da actividade e responderá mellor ás situacións de crises do negocio, é outra das medidas do PSOE.
A líder dos socialistas avanzou que o PSOE establecerá un sistema de retención máis vinculado ao nivel de ingresos que perciben os autónomos, diminuíndo o tipo de retención en tramos de ingresos máis baixos. Achegar a cotización á Seguridade Social dos autónomos aos seus ingresos reais e reformar a capitalización da prestación por desemprego son outras das medidas que contempla o Partido Socialista no seu programa electoral.
A Alcaldesa continuará mantendo encontros coa veciñanza do rural, reuníndose mañá xoves, 17 de decembro, ás 21:00 horas cos veciños na escola de Poutomillos.