No encontro, que tivo lugar no colexio Manuel Mallo Mallo, Méndez abordou os dereitos conseguidos grazas aos socialistas, o estado do benestar e o estado das oportunidades
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este sábado un encontro coa veciñanza en Nadela, onde lles achegou os diferentes compromisos do Partido Socialista, “o único partido que pode conseguir o goberno do cambio a partir do 26 de xuño”.
Na xuntanza, Méndez pediulle ao medio cento de veciños e veciñas que se achegaron ao colexio Manuel Mallo Mallo o voto para o PSOE. “Votar aos socialistas é dicir si a un emprego de calidade e con dereitos, si a erradicar a pobreza, si a unha reforma xusta e progresiva, si aos autónomos, si a modernizar a economía, si á igualdade, si á loita contra a violencia de xénero, si á educación, si ás pensións públicas e si a un Estado de Benestar igualitario”; subliñou a rexedora, quen abordou os dereitos conseguidos grazas a gobernos socialistas, o estado do benestar, da man de Felipe González e o estado de igualdades, con Zapatero. “Agora é o momento de conseguir o estado das oportunidades con Pedro Sánchez”, asegurou a rexedora.
Lara Méndez continuará coa visita ás parroquias lucenses durante a campaña electoral, achegándose mañá domingo, ás 21:00 horas, á escola de Rubiás.