A Alcaldesa participou este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra no encontro Mulleres polo cambio político, unha cita organizada polos socialialistas pontevedreses, á que asistiron un cento de mulleres

“O Partido Socialista é único que estivo á vangarda reclamando dereitos para a muller”, subliñou Méndez, quen denunciou a desigualdade existe entre homes e mulleres en canto á ocupación de postos de responsabildade e salario

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra no encontro Mulleres polo cambio político, unha cita organizada polos socialistas pontevedreses, na que estiveron presentes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, así como diferentes deputadas, rexedoras e concelleiras socialistas de toda Galicia.

No acto, ao que asistiu un cento de mulleres, Méndez denunciou a desigualdade existente ente mulleres e homes. Neste senso, a rexedora lembrou a baixa porcentaxe que ocupan as mulleres en postos de responsabilidade pública, ao redor dun 20%, sendo esta porcentaxe menor no eido da empresa privada, así como a desigualdade salarial entre homes e mulleres, que cobran 5.300 euros menos ao ano. A Alcaldesa tamén manifestou a súa condena ao terrorismo machista, que asasinou a 11 mulleres no que vai de ano, ao tempo que recordou a loita no tempo de diferentes mulleres para conseguir a igualdade, como Concepción Arenal ou Clara Campoamor.

Lara Méndez puxo en valor ao Partido Socialista, “como único que estivo á vangarda reclamando dereitos para a muller”. Neste senso, lembrou que foi un goberno socialista o que fixo a primeira lei de divorcio, o que en materia laboral incluíu a protección da muller a través de medidas de discriminación positiva para favorecer a súa inserción no mercado laboral, o que creou o primeiro Ministerio de Iguldade, o que creou a primeira lei de protección integral da Violencia de Xénero e o que creou a Lei de Dependencia que liberou ás mulleres para que poideran progresar profesionalmente e non verse na obriga de quedarse ao coidado dos dependentes; así como o que regulou e garantiu o dereito a decidir das mulleres sobre o seu corpo e sobre a súa maternidade. “En definitiva, foi o Partido Socialista o que sempre estivo ao lado das mulleres na conquista dos seus dereitos”, aseverou Méndez.