A Alcaldesa esixe ao Presidente da Xunta que “dea a cara e explique aos lucenses porque en 5 meses resolveu a situación do Xeral de Vigo para que poida ter novos usos e en Lugo levamos 5 anos de abandono, con cero xestións”
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou este venres que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, formalizou no Consello da Xunta de onte “o seu maltrato continuado a Lugo” sobre o antigo Xeral, pois autorizou a retrocesión do Hospital Xeral de Vigo á Tesourería Xeral da Seguridade Social para poder albergar a nova Cidade da Xustiza, “mentres en Lugo non deu nin o primeiro paso para dotar de novo uso ás instalacións da Residencia”.
Lara Méndez esixiu a Feijóo que “dea a cara e explique aos lucenses por que en 5 meses resolveu a situación do Xeral vigués, mentres que en Lugo levamos 5 anos de promesas incumpridas e cero xestións reais para darlles uso ás instalacións da Residencia. O único que temos é abandono, edificios desmantelados e deteriorados, pero ningunha solución, nin visos dela”.
O Presidente do Goberno galego debe explicar, recalcou a rexedora, “por que nos considera cidadáns de segunda e nos discrimina na dotación de servizos sanitarios, infraestruturas ou dotacións culturais”, en referencia aos incumprimentos da Xunta sobre as servizos pendentes do HULA, a Residencia, a construción da Ronda Leste, a estación intermodal e a chegada do AVE, o Museo da Romanización e a negativa da Xunta a nin sequera recibir a titularidade do Cuartel de San Fernando, ou o abandono da Cámara de Comercio e da Fundación Feiras e Exposicións.
“É unha actitude inconcebible e imperdoable, que dende o Goberno non vamos a consentir. Seguiremos dando a batalla para que Feijóo cumpra con Lugo”, subliñou a Alcaldesa, quen lembrou que os “únicos que estamos traballando polo futuro da Residencia somos o Concello, as asociacións e os veciños de Lugo, a través da comisión municipal que temos en marcha para impulsar medidas que revitalicen o barrio e tamén para poñer en evidencia a nefasta xestión da Xunta, que, tendo a responsabilidade, está deixando caer os edificios, e que a día de hoxe non ten absolutamente ningún plan concreto para darlle uso a este complexo”.