A preguntas realizadas polos medios de comunicación sobre a polémica xurdida ao respecto das formas nas que as alcaldesas e alcaldes das principais cidades galegas foron convocados polo presidente da Xunta a cadansúa reunión, a mandataria lucense incidiu en que esta é primeira vez que non se consensúan as datas deste encontro e que se impón de maneira unilateral dende o Executivo autonómico, e amosou a súa máxima disposición a respectala – para o que tivo que modificar a axenda institucional do Concello – co obxectivo de seguir tendendo pontes entrámbalas dúas Administracións e poder abordar así as principais necesidades do municipio.

Neste sentido, Lara Méndez cualificou de inusual que Alfonso Rueda precise vir acompañado a unha xuntanza bilateral, “xa que se lle presupoñía certo coñecemento das nosas demandas, primeiro polo seu carácter de débedas históricas, e logo porque, antes de dirixente, leva 13 anos sendo o vicepresidente da Xunta de Galicia”, referiu a alcaldesa.