Na visita do autobús electoral do PSOE, o Alcalde apuntou que os lucenses son conscientes do crecemento da cidade nos 16 anos de goberno socialista
Orozco retou ao PP a dicir o que levan feito por Lugo nos últimos catro anos
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado polo Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, por membros da candidatura socialista ás eleccións municipais, pola deputada no Congreso Margarita Pérez Hernáiz e o senador Ricardo Varela, recibiron esta mañá ao autobús electoral do PSOE que comezou en Lugo unha percorrido de catro días por cidades e vilas de Galicia.
No acto, José López Orozco amosouse encantado de que o autobús estivera na cidade porque serve para amosar que o PSOE ten outro xeito de facer as cousas. Aquí en Lugo sabémolo ben; somos o primeiro Concello de Galicia en investimento en persoas, co 18,5%, e a moita diferenza de nós están o resto de concellos galegos e somos dos cinco primeiros concellos de toda España que máis investimos en persoas. O Alcalde de Lugo engadiu que das 50 capitais de provincia españolas só hai dúas gobernadas por socialistas, Lugo e Soria, e as dúas están entre as cinco primeiras en gasto social.
O Alcalde reiterou o seu compromiso con este investimento: sabemos o que é gobernar cunha crise tan forte. Gobernamos para todos e fundamentalmente para aqueles que máis o necesitan e a xente sabe que imos continuar con esta política, tratando de que aqueles que máis están sufrindo, que peor o están pasando, atopen o amparo solidario e xusto dunha administración que non pode dicir sálvese quen poida senón aquí estamos nós. Neste sentido, López Orozco salientou que o Concello estará ao carón da cidadanía para saír da crise, cando menos en igualdade, porque é unha cuestión de solidariedade, de xustiza e porque é un dereito dos cidadáns. Por iso insistimos no gasto social, en educación, con 4 novas escolas infantís porque é a mellor maneira de socializar a nenos e nenas e de lograr a igualdade entre homes e mulleres e a conciliación da vida familiar.
O Alcalde insta ao PP a dicir que fixo por Lugo
José López Orozco retou hoxe ao Partido Popular a que respondan que fixeron nestes catro últimos anos na cidade de Lugo: como está o Cuartel de San Fernando? Onde está a estación intermodal? Onde está a chegada do Ave? Como están as obras de Láncara, os 13 quilómetros que facilitan a chegada do tren de alta velocidade a Lugo?. Non poden responder porque o PP ten esquecido a Lugo. Neste esquecemento, segundo o Alcalde de Lugo, o máis grave son os servizos que faltan no HULA, aínda que se amosou optimista salientando que o imos conseguir porque o imos esixir; imos conseguilo pola presión cidadá de tódolos días.
Con respecto ás últimas declaracións de Xosé Manuel Barreiro que xustificaba a ausencia dos servizos nos criterios médicos e científicos, López Orozco respondeulle que non é así; é unha cuestión daqueles cidadáns de Lugo que morreron e poden morrer por non ter Hemodinámica as 24 horas do día en Lugo. E hai unha oferta da Deputación que hai que consensuar, sentarse nunha mesa a negociar e perder o orgullo. Hai que ter solidariedade e xustiza con tódolos lucenses. Referíndose a Jaime Castiñeira advertiulle que non pode seguir escondéndose nin pode ser o palmero das conselleiras que veñen á cidade. Ten que esixir estes servizos para o HULA no Parlamento e ante o Goberno de Galicia como xa fixeron outros alcaldes populares, que non están dacordo coa decisión do goberno que espera para dicirlle ó señor Presidente da Xunta de Galicia que ou ben pon a hemodinámica ou acepte a xenerosa oferta da Deputación no pleno.
En canto aos comicios electorais do próximo 24 de maio, o Alcalde de Lugo espera o mellor porque os lucenses saben que levan 16 anos ben gobernados e cun crecemento do conxunto do Concello no máis amplo sentido da palabra, como nunca se deu no noso Concello. E iso é o máis importante.
Autobús electoral do PSOE
A cidade de Lugo é a primeira de Galicia que visita o autobús de campaña do PSOE, que vai percorrer 25.000 quilómetros de socialismo por toda España. O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, adiantou que a das municipais será unha campaña pé de rúa, dirixida cara a cara á cidadanía, sinalando que López Orozco é un expoñente disto porque representou nos anos de Alcalde e en tódalas campañas o que somos os socialistas en política; falando, convencendo, discutindo, dialogando cos cidadáns, que é o que eles esperan de nós. Tamén se referiu ao orgullo de formar parte dun partido centenario con vocación de futuro e orgulloso das súas siglas, ao contrario doutros que as esconden como o PP.