A candidatura socialista tamén se reuniu co Colexio de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Lugo
José López Orozco, cabeza de lista da candidatura socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado doutros membros da mesma, como Lara Méndez, Sonia Méndez, Adrián Vázquez e Diego Pena, mantiveron hoxe un encontro con representantes da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE).
López Orozco anuncioulles varias propostas que inclúe o programa electoral socialista. A principal é a rebaixa nas taxas de comunicación previa, apertura e cambio de titularidade dos negocios como medida para contribuír a dinamizar o tecido empresarial. Ademais, comprometeuse a potenciar o Consello Económico e Social de Lugo e adiantou que desenvolverán o II Plan Estratéxico da Cidade, no que é necesaria a participación e as achegas tanto de AJE como das diferentes institucións e entidades lucenses.
Ao mesmo tempo, o Alcalde e a candidatura do PSdeG-PSOE de Lugo, tomaron nota das demandas dos empresarios novos para poder incorporalas ó programa co que os socialistas concorren ás eleccións municipais do próximo 24 de maio.
Con esta mesma finalidade, tamén hoxe, celebrouse un encontro con representantes do Colexio de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Lugo que presentaron distintas propostas á candidatura socialista relacionadas co seu sector. López Orozco adiantoulles a posibilidade de que o barrio da Milagrosa sexa declarado Ámbito de Rehabilitación e Rexeneración Urbana, o que supoñerá carga de traballo para este colectivo profesional.
O obxectivo de José López Orozco á fronte da candidatura socialista é recoller as opinións do sector económico, empresarial e social lucense para confeccionar un programa pegado á realidade do Concello.