José López Orozco e Luis Álvarez confirman que a primeira xuntanza celebrarase este xoves, 22 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Centro de Convivencia María Balteira e, a segunda, o día 26, ás 21:00 horas, no Centro de Dinamización Social de San Xoán do Campo

O Alcalde, que recoñeceu “sentirse con máis forza ca nunca” para seguir liderando o Concello de Lugo, destacou que “para min este programa non é nada novo, pois, dende 1.999, nunca perdemos o contacto coa rúa”. De feito, engadiu: “eu teño o despacho na rúa”

nova

O Alcalde, José López Orozco, e o Secretario Xeral da Agrupación local do PSdeG-PSOE de Lugo, Luis Álvarez, acompañados dos concelleiros de Economía e Deportes, Rosana Rielo e José Manuel Grandío, e doutros membros da Executiva local, presentaron este martes a campaña “O PSOE de Lugo en pé de rúa”, que consiste na posta en marcha das reunións con veciños e veciñas dos barrios e parroquias do municipio para coñecer as súas propostas e incluílas no programa electoral das municipais do 24 de maio.

O Alcalde de Lugo, que recoñeceu “sentirse con máis forza ca nunca” para seguir liderando o Concello de Lugo, destacou que “para min este programa non é nada novo, pois nunca perdemos o contacto coa rúa”. De feito, engadiu: “eu teño o despacho na rúa”.

“A xente ten problemas e quere se lles dea unha solución. Para iso hai que facer proxectos novos para unha nova realidade, na que todo está mudando, pois esta crise é moito máis que un cambio económico. Precisamente, é isto o que ten que detectar o candidato, os problemas da xente”, concluíu López Orozco.

Segundo explicou o Secretario Xeral, trátase de xuntanzas “abertas” para todos os militantes, simpatizantes e cidadáns lucenses, xa que “non temos nada que temer e nada que ocultar do que nos poidan dicir os cidadáns”. Neste senso, subliñou que “estamos a falar dunha iniciativa que non é nova, senón que é o mesmo que leva facendo o PSOE dende 1.999, presentando un programa pegado á realidade dos problemas dos veciños”.

“É o mellor modelo que temos”, indica, pois “aínda que sabemos que non é perfecto”, está configurado dende o prisma de que “a realidade está cambiando”, o cal implica facer participar á cidadanía. Deste xeito, a primeira xuntanza celebrarase este xoves, 22 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Centro de Convivencia María Balteira, situado no barrio da Piringalla. A segunda, será o luns, día 26, ás 21:00 horas, no Centro de Dinamización Social de San Xoán do Campo. Son, en definitiva, reunións que dan cobertura tanto ao medio urbano como ao rural porque “somos conscientes de que esta é a realidade do noso municipio”.

Dentro do proxecto “Municipio/cidade”
Esta campaña enmárcase no proxecto “Municipio/cidade”, que foi deseñado e posto en marcha Executiva local do PSdeG-PSOE de Lugo, en outubro de 2013, co fin de dar unha resposta axeitada e eficaz á sociedade lucense, deseñando unha estratexia de futuro que permita facer fronte aos desafíos actuais e consolidar un modelo de cidade integral, a través da participación cidadá.

O proxecto xa está posto a disposición de calquera persoa a través da páxina web do PSdeG-PSOE de Lugo www.psoelugo.com, onde se activaron cinco contas de correo electrónico para atender as peticións de veciños, colectivos, asociacións, etc. Todas elas serán e están a ser respostadas de xeito individualizado, pois o fin último é recoller cada unha das propostas para o deseño do programa electoral das eleccións municipais.

“5 eixos de coordenadas”
Esta iniciativa, tal e como explicou o candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo, José López Orozco, articúlase en torno a “cinco eixos de coordenadas”:

1.- Democracia: a Executiva local persegue elaborar un modelo participativo que introduza e vincule na acción política ao maior número de sectores implicados, seguindo para elo as experiencias doutros municipios e administracións que xa puxeron en marcha iniciativas como a Lei de Participación Cidadá –é o caso de Andalucía-, a normativa dos presupostos participativos que está a desenvolver o concello de Xirona e a Deputación de Lugo ou a experiencia dos Consellos Sociais, a través dos que cidades como Santander promoven e canalizan unha reflexión conxunta das entidades e os cidadáns en materia de desenvolvemento económico local, planificación estratéxica da cidade e grandes proxectos urbanos, facendo posible unha maior participación dos veciños nestas materias.

2.- Economía. Neste caso, fomentarase o dinamismo económico-social creando diálogos produtivos e instaurando a “Dinámica Fomento de Lugo. Será a través do impulso de sectores estratéxicos como os das enerxías renovables, comercios, industria agroalimentaria, conservas, produtos manufacturados, etc, e da creación dun plan de mobilidade, elaborado con políticas europeas como os fondos FEDER.

3.- Educación: Trátase de buscar unha reflexión destinada á toma de decisións sobre asuntos que afectan aos lucenses. “O concello só ten competencias de 0 a 3 anos, pero si que pode liderar o ensino público, que precisa un maior esforzo e cooperación”, subliñou o alcalde lucense.

4.- Sociedade: No marco deste eixo elaborarase un estudo socio-cultural/económico que recolla oportunidades, capacidade e incidencia dunha estratexia, así como a posibilidade de formación e emprego.

5.- Cultura e Patrimonio: Consiste na planificación de rutas culturais interconectadas con potencial socio-económico a partir das seguintes liñas básicas: posibilidades de obradoiros de empresa destinados á concreción de ofertas de ocio, cultura e turismo; detección de necesidades de formación a partir do traballo desenvolvido; rede museísticainterconectada e unha maior presencia na Rede.

Cronograma do proxecto

A Executiva local iniciou o deseño deste proxecto en outubro de 2013. Unha vez finalizado e realizada a presentación pública, ata outubro de 2014, levouse a cabo unha campaña de difusión entre a militancia que culminou nunha Asemblea, que se celebrou en decembro do pasado ano, e na que se expuxeron as propostas e o avance do mesmo.

Dende outubro dese ano ata a actualidade, comezouse co deseño e preparación da fase “en pé de rúa”; período no que será presentado nos distintos barrios e parroquias, de tal xeito que os acordos acadados en cada unha das reunións serán incluídos no programa electoral de 2015. A última fase rematará, precisamente, en maio de 2015, coa plasmación nas políticas de goberno local. E é que, tal e como sinalou o Alcalde de Lugo, “a cidade nunca está feita, pero os programas electorais están para cumprilos. Non son papel mollado, nin no grande, nin no pequeno”.