Gómez Besteiro visitou hoxe Lugo acompañando á candidatura socialista e destacou o investimento social do Concello de Lugo como diferenza ás políticas do PP
José López Orozco, candidato socialista á reelección como Alcalde de Lugo, acompañado de José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdG-PSOE, Carmen Basadre e outros integrantes da lista visitaron hoxe diversos comercios do centro da cidade. López Orozco anunciou as medidas de protección e promoción do comercio lucense que inclúe o programa electoral socialista para “seguir colaborando co comercio e coa pequena e mediana empresa, que é a que está a crear emprego en Lugo. Por iso, manteremos as axudas para que melloren as súas infraestruturas e, desta maneira, poidan seguir xerando postos de traballo”.
O Alcalde e candidato á reelección amosouse preocupado polas persoas paradas lucenses e sinalou que “un alcalde debe ter como máxima preocupación crear a suficiente actividade económica para que o número de desempregados quede en 0”. Con ese fin, comprométese a impulsar, aínda máis, o Arde Lucus e o San Froilán, a cultura e o turismo de Lugo “que van unidos” e a Muralla “Patrimonio da Humanidade”, que representa un elemento único para xerar “actividade para a hostalería e o pequeno comercio.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo referiuse tamén ós logros dos seus gobernos resumíndoo no principal: “igualdade de dereitos independentemente de onde se viva e niso avanzamos moito”, malia que “sempre se pode facer máis e por iso volvo presentarme, para progresar nos dereitos e oportunidades cidadás”.
Lugo, o primeiro concello en investimento social
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou durante a visita que as cidades socialistas destacaron nos últimos catro anos polos seus programas sociais avanzados e, neste sentido, destacou que “Lugo é o mellor concello en investimento social de toda Galicia, marca da casa do partido socialista e dun alcalde que leva 16 anos traballando pola cidade e que ten forza, ilusión e proxecto para seguir traballando outros tantos anos máis”. Isto implica para Besteiro unha distancia clara cos populares “Esa é a diferenza entre uns e outros, non é o mesmo votar ao PP que votar ao PSdeG para conseguir unha cidade solidaria para tódolos cidadáns, e onde todos se sintan en igualdade de dereitos e de oportunidades”.
Encarando a última semana de campaña, Gómez Besteiro apuntou que “hai un partido que se sitúa radicalmente diferente ao que somos, que é o PP, que hoxe non supón unha alternativa crible despois duns anos tan duros para todos sen apostar pola cidadanía. E cando se apaguen os focos doutras formacións, o Partido Socialista seguirá estando e dando solución aos problemas dos cidadáns. É o que seguiremos a facer o 24 M con máis alcaldías”, engadiu.