Francisco Vázquez eloxia a xestión de Orozco como Alcalde de Lugo nunha xornada na que acompaña á candidatura socialista

José López Orozco, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo e os demais compañeiros e compañeiras da lista recibiron hoxe o apoio de Francisco Vázquez ó programa dos socialistas lucenses para as eleccións municipais, nun acto celebrado na Praza Maior ó que seguiu un paseo por varias rúas céntricas da cidade.

López Orozco amosouse encantado de recibir a Francisco Vázquez e destacou a transformación experimentada pola cidade da Coruña grazas ós seus gobernos e, especialmente, mencionou a rede de centros sociais para acoller as necesidades cidadás apuntando que “atender as necesidades das persoas é a maneira que teño de entender o papel dun Alcalde e iso é o que nós lle ofrecemos a Lugo: futuro e confianza en nós mesmos e defensa numantina do benestar social, co obxectivo de ser o primeiro concello de España en investimento social”.

Pola súa parte, Francisco Vázquez enxalzou o labor de Orozco á fronte do goberno municipal lucense: “actuar de acordo a unhas ideas e prioridades sociais, atender á xente, facer sete centros sociais na zona rural e cinco na zona urbana e atender as necesidades da veciñanza dos barrios non o fai calquera”. Por iso, concluíu que a xestión feita nestes anos é “exemplar” en infraestruturas como o saneamento ou o abastecemento.

Medidas de benestar social no programa socialista

López Orozco presentou no acto as propostas que inclúe o programa do PSdeG-PSOE de Lugo en materia de benestar social, que é unha das prioridades, porque “o o fundamental dun Concello son as persoas; é a nosa ocupación e preocupación”.

Entre outras medidas, a candidatura socialista comprométese a axudar ás familias a afrontar o pago dos recibos da auga, do lixo e a seguir asumindo, mediante a emerxencia social, o pagamento dos recibos da luz e dos custes diarios imprescindibles. Ademais garantirá, xunto ós centros escolares, a alimentación axeitada das nenas e nenos en período de vacacións e atenderá as necesidades das familias numerosas no tocante ós prezos públicos e a aquelas que sufran os desafuizamentos.

Por outra parte, López Orozco incidiu na necesidade esixirlle á Xunta de Galicia a creación dunha nova residencia de maiores nos terreos da Antigo Hospital porque “o 22% da poboación de Lugo temos máis de 65 anos e vivimos nas mellores condicións pero queremos ter asegurado o noso futuro e dende 1977 non se constrúe un centro de atención a maiores. Ten que haber vontade política de atender os cidadáns”.

O candidato socialista á Alcaldía de Lugo resaltou o labor feito á fronte do goberno municipal en materia de atención social e de servizos de proximidade e de axuda a domicilio, que se verán ampliados para axustalos aínda máis á realidade. Explicou que no ano 2014 “os servizos sociais do Concello atenderon 14.583 persoas” e déronse unha media de 13.000 menús ó ano dentro do programa Xantar no fogar, por iso non pode quedar desatendida esta necesidade cidadá. Ademais, para contribuír a paliar os efectos da crise económica López Orozco comprométese a non subir os impostos e prezos públicos para non prexudicar ás familias lucenses.