Gómez Besteiro acompaña á candidatura socialista de Lugo no mitin central da campaña

Os socialistas lucenses apostan por un Concello con igualdade de dereitos e oportunidades para toda a cidadanía

Os socialistas lucenses celebraron hoxe o mitin central da campaña electoral das eleccións municipais na Praza do Castiñeiro, nun acto no que falaron o Alcalde e candidato, José López Orozco, José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE, e os candidatos número 2 e número 3, Lara Méndez e Juan Carlos González Santín, nun encontro no que estiveron arroupados por numerosos cidadáns que escoitaron e aplaudiron as propostas do partido para gobernar Lugo nos próximos catro anos.

No seu discurso, López Orozco apuntou que quere “facer unha sociedade máis xusta e máis igualitaria porque nestes momentos non hai esa xustiza e igualdade” e, con ese fin, apelou ó traballo conxunto, xa que “precisamos axuda de todas e todos para construír este Lugo que tanto queremos” e porque “cremos na xente porque nós tamén somos cidadáns”.

O piar do programa son os dereitos sociais

A prioridade dos socialistas para o Concello de Lugo son as persoas: “hai persoas que o están pasando mal, 12.000 lucenses están no paro e 17.000 en risco de exclusión social” e estes problemas e necesidades, dixo, non lle son alleos. Por iso, situarán a Lugo como o primeiro Concello de España en investimento social; “agora somos o primeiro de Galicia e o cuarto de España, pero seremos os primeiros, se é necesario porque o importante son as persoas”.

López Orozco defendeu con paixón os dereitos e a igualdade da cidadanía no seu modelo de cidade, no que son prioritarios e apuntou que “por fin Castiñeira dixo unha verdade ó afirmar que o seu modelo de servizos sociais e o noso é diferente. O noso refírese ós dereitos das persoas e por iso marcamos unha prioridade: axudar por solidariedade a quen máis o precisa neste momento porque é de xustiza e de dereito”. Con todo, amosouse esperanzado coa saída pronta desta situación “e cando iso ocorra os servizos públicos son necesarios porque todos somos iguais, independentemente da nosa condición social, sexo ou pensamento político. Temos dereitos iguais e temos que partir do mesmo posto na liña de saída; non pode quedar ninguén 400 metros detrás dos demais”.

O emprego como prioridade

López Orozco salientou o traballo desenvolvido polos seus gobernos en materia de emprego, aproveitando os fondos europeos captados e ben xestionados cos que conseguiron, por exemplo, a creación de empresas e postos de traballo grazas ó labor do CEI-NODUS: “temos un centro de empresas onde se formaron 70 empresarios que crearon 500 postos de traballo, aproveitando eses fondos. Agora temos unha oportunidade única de captar máis investimento para lograr o obxectivo número un que é a creación de emprego”. Engadiu que teñen en marcha proxectos para conseguir traer a Lugo novos fondos da Unión Europea que revertan positivamente na economía lucense.

Defender Lugo por enriba de todo

En clave de axudas europeas, López Orozco criticou a discriminación que sofre Lugo por parte da Xunta de Galicia que inviste os Fondos Europeos “que veñen á nosa comunidade grazas ás provincias de Lugo e Ourense” na Galicia Atlántica, deixando atrás a Galicia interior. O Alcalde e candidato socialista recalcou que “queremos o que é xusto e o que se nos debe. Non queremos que lle quiten ós demais, senón o que é noso por dereito e aí ides ter ó voso Alcalde”.

En referencia ás infraestruturas prometidas que demanda a sociedade lucense, López Orozco afirmou que “fomos os primeiros en reivindicar o tren de alta velocidade para Lugo, temos tódalas obras paralizadas e agora din que van ter tren en Becerreá; mirade a onde pode chegar a mentira do Partido Popular”. E insistiu na necesidade de pedir o que lle corresponde a Lugo “temos que pedir e reivindicar. Non queremos ser galegos de segunda, temos que ser galegos de primeira, os da costa e os do interior”.

López Orozco rematou a súa intervención convidando ó público a apoiar a candidatura socialista que encabeza porque “imos estar con vós no bo e no malo; sabedes que imos defender os dereitos de todos. Sabedes que queremos construír un Concello, non para nós, senón para o común da xente e queremos construílo con vós, por iso reforzaremos o Consello Social onde estean os veciños, a Universidade e tódalas voces. O Concello ten que ser un lugar de diálogo, de debate, no que poñer enriba da mesa a idea de traballar por Lugo”. Así, apelou á responsabilidade conxunta da cidadanía animándoa a colaborar e traballar co Concello “tede paixón por Lugo porque esa paixón vainos levar a facer cada día un Lugo máis desenvolvido, con máis emprego, con máis xustiza e con máis igualdade. Conto con vós”.