O candidato socialista participa no debate sobre discapacidade organizado por Auxilia-Lugo

José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, participou hoxe, xunto aos outros candidatos á Alcaldía, no debate sobre discapacidade organizado por Auxilia-Lugo. No encontro, destacou o labor que realizan as entidades que traballan neste ámbito e sinalou a importancia de velar polos dereitos das persoas con diversidade funcional porque “calquera de nós pode sufrila en calquera momento e porque tódalas persoas temos os mesmos dereitos”.

O candidato socialista anunciou que o seu programa electoral contempla a creación da Concellería de Igualdade, Diversidade e Inclusión, que traballará nestas áreas de xeito transversal, así como a creación do Consello Municipal da Discapacidade, que servirá de cimento das políticas inclusivas para o conxunto da sociedade lucense.

Así mesmo, López Orozco comprometeuse a loitar polo desenvolvemento pleno da Lei de Dependencia, esixíndolle á Xunta que cumpra con ela porque “non se pode admitir que 2.000 persoas morreran en Galicia mentres agardaban a axuda desa norma”. E asume tamén o compromiso de seguir axudando ás entidades sociais lucenses, sendo Lugo das poucas cidades que lles facilita espazos de balde para poder realizar as súas actividades.

A importancia das políticas sociais dos gobernos de Orozco
López Orozco explicou algún dos logros acadados grazas ás súas políticas sociais á fronte do Concello: Lugo é a primeira cidade galega e a cuarta de España en investimento social e a única cidade galega que cumpre coa ratio legal de taxis adaptados, amais de ter conseguido, no ano 2006, o Premio Raíña Sofía de Accesibilidade. Engadiu que o compromiso socialista co gasto social manifestouse no incremento das axudas ó aluguer, que pasaron de 19.000 a 299.000 euros ó ano, e as axudas á emerxencia social que subiron dende os 129.000 euros de 2011 ata os 270.000 euros en 2015, polo investimento destinado a este fin por parte do goberno de López Orozco.

O candidato socialista deu a coñecer a continuidade dalgúns programas dirixidos a mellorar a vida das persoas como os arranxos en vivendas para persoas con problemas de mobilidade ou o programa de respiro familiar. Ademais, proseguirán coa supresión das barreiras arquitectónicas en rúas e beirarrúas da cidade, coa colocación de colectores de lixo accesibles e co desenvolvemento de actividades de turismo e deporte accesibles.

Por último, o cabeza de lista do PSdeG-PSOE de Lugo anunciou que desenvolverán campañas de sensibilización social porque este non é un labor exclusivo das institucións senón do conxunto da sociedade.

En referencia ás propostas realizadas no coloquio polas persoas que conforman Auxilia-Lugo ós candidados á Alcaldía, o socialista López Orozco sinalou que “as vosas ideas son unha obriga para nós e estamos a tempo de incluír aquilo que aínda non estea contemplado no noso proxecto de Concello e, en todo caso, asumo o compromiso público de levalo a cabo e debater tódalas propostas no Consello da Discapacidade que imos crear”.