O Centro de Convivencia Maruja Mallo acollerá este mércores, a partires das 20:00 horas, unha nova xuntanza aberta, na que os veciños poderán facer as súas propostas tanto ao Alcalde de Lugo, como aos concelleiros e aos membros da organización socialista

É o terceiro encontro que se enmarca no proxecto “Municipio/cidade”, que foi iniciado a finais de 2013, e que ten como obxectivo recoller as propostas da cidadanía para o deseño do programa electoral do 24 de maio

O Alcalde, José López Orozco, continúa coas reunións da campaña “O PSOE en pé de rúa: Lugolízate e decide como queres que sexa o teu barrio, parroquia e concello”. Deste xeito, este mércores, día 4 de febreiro, a partires das 20:00 horas, o Centro de Convivencia Maruja Mallo acollerá unha nova xuntanza aberta dos socialistas, e na que os veciños poderán facer as súa propostas tanto ao Alcalde de Lugo, como aos concelleiros do Grupo Municipal Socialista e aos membros da Executiva Local.

Trátase, por tanto, do terceiro encontro que se celebra co fin de recoller cada unha das propostas para o deseño do programa electoral das eleccións municipais. O primeiro tivo lugar o pasado día 22 de xaneiro, no Centro de Convivencia María Balteira, situado no barrio da Piringalla e, o segundo, o día 26, no Centro de Convivencia de San Xoán do Campo.

Cronograma do proxecto
López Orozco iniciou estas xuntanzas o pasado mes. Enmárcanse no proxecto “Municipio/cidade”, que foi iniciado a finais de 2013, co fin de dar unha resposta axeitada e eficaz á sociedade lucense, configurando unha estratexia de futuro que permita facer fronte aos desafíos actuais e consolidar un modelo de cidade integral, a través da participación cidadá.

Unha vez finalizada e realizada a presentación pública, ata outubro de 2014, levouse a cabo unha campaña de difusión entre a militancia que culminou nunha asemblea, celebrada en decembro do pasado ano, e na que se expuxeron as propostas e o avance do mesmo.

Dende outubro dese ano mediados de xaneiro de 2015, comezouse co deseño e preparación da fase “en pé de rúa”, que consiste na celebración de xuntanzas abertas nos distintos barrios da cidade e parroquias do rural, de tal xeito que os acordos acadados en cada unha das reunións serán incluídos no programa electoral de 2015. A última fase do proxecto rematará, precisamente, en maio de 2015, coa plasmación destas propostas nas políticas do Goberno Local.