O candidato socialista presenta un programa con máis de 250 propostas
López Orozco quere situar a Lugo como o primeiro concello de España en investimento social co 22% do orzamento
Desenvolverá un programa de emprego rural, aposta pola construción sostible aproveitando a madeira lucense e apóiase no coñecemento da Universidade
José López Orozco, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo, acompañado de integrantes da candidatura, presentou hoxe no Salón de Actos do Vicerreitorado da Universidade as liñas estratéxicas do programa electoral co que concorren ás eleccións municipais do 24 de maio.
Son máis de 250 propostas realistas, cos pés na terra, adaptadas á nova situación de cambio social e que “nacen da sociedade lucense e están enraizadas na experiencia; non partimos de cero pero temos que superar novos retos e Lugo ten capacidade para enfrontalos cun grupo de mulleres e homes que queremos liderar un Concello situado en Europa para os próximos catro anos”, afirmou López Orozco.
Dous grandes obxectivos
O primeiro é potenciar os recursos naturais, o patrimonio histórico e turístico, así como os atractivos gastronómicos para que Lugo saque partido de tódalas súas potencialidades. Neste reto é fundamental o coñecemento, que vén da man da Universidade, coa que o Concello traballará en común.
O segundo obxectivo é converter Lugo no Centro de Investigación Gandeira e de Transformación da industria agroalimentaria e forestal referente en España. Para acadar este fin é fundamental a colaboración co Campus Terrae da Universidade de Santiago, que apoiará o Concello.
Un Lugo onde vivir e traballar
López Orozco destacou o bo traballo desenvolvido polos socialistas á fronte do goberno lucense coa captación de máis de 50 millóns de euros de fondos europeos en 16 anos, superamos tódalas auditorías feitas pola UE para comprobar o uso dado a estes cartos, que serviron para o Plan Urban ou para políticas de formación.
Agora, optan ós fondos do Horizonte 2050, dotado con máis de 1.500 millóns para seguir investindo en Lugo. Para acadalos é necesario elaborar o II Plan Estratéxico Municipal para o período 2015-2020 no que o Concello implicará a tódolos actores sociais lucenses no marco do Consello Social e Económico. Amais, os socialistas lucenses desenvolverán o Programa LIFE que aposta pola sostibilidade e pola xeración de riqueza aproveitando os recursos forestais de Lugo.
No referente ó emprego, López Orozco sinalou que desenvolverán un Programa de Emprego Rural: crearán a marca “Produtos da Comarca Lucense”; daránlle un novo pulo ó Mercado de Produtos Ecolóxicos e deseñarán un Plan de Expansión para a comercialización dos produtos lucenses no exterior. Ademais, poñerán en marcha un Plan para recuperar emprego cun novo modelo do sector da construción máis sostible, centrado na utilización da madeira lucense, apostando pola rehabilitación de vivendas no casco histórico e creando tres áreas Integrais de Rehabilitación en Montirón, Barrio de San Antonio (Residencia) e a A Milagrosa.
Participación cidadá
López Orozco apunta que o seu goberno avanzará no papel da cidadanía lucense nas decisións sobre o investimento municipal a través dos orzamentos participativos. Tamén creará os Consellos Parroquias, nos que se agruparán as parroquias e que permitirán que as asociacións veciñais teñan voz e voto nas cuestións que lles afectan.
Outra das propostas dos socialistas lucenses é a modernización do transporte público, que hoxe é o máis barato de España, para que cubra as necesidades dos lucenses. Dentro do Plan de Mobilidade, apostan polo uso da bicicleta, que será o primeiro proxecto que presentará López Orozco á Unión Europea coa idea de que a cidade no seu conxunto permita a circulación en bicicleta e poidan recuperarse, así, espazos urbanos para as persoas.
Investimento en persoas
Os socialistas manteñen a súa máxima de que ningunha necesidade dos lucenses lles é allea e de que o máis importante dun Concello son as persoas. Por iso, o principal obxectivo é situar a Lugo como o primeiro Concello de España en investimento social. Con ese fin, aumentarán ata o 22% o investimento nesta área á que destinarán o 1% dos ingresos da ORA e o aforro en consumo enerxético.
Neste ámbito, o goberno de José López Orozco creará a Concellería de Igualdade, Diversidade e Inclusión, instaurará o Consello Municipal da Discapacidade e fortalecerá o programa de axudas para adaptación de vivendas para persoas con problemas de mobilidade. Ademais, promoverán un sistema de bolsas remuneradas para a mocidade, especialmente pensadas para quen se forme no estranxeiro.
Tamén apuntou López Orozco que non cesarán na reivindicación dos servizos sanitarios para o HULA.
Paixón polo Lugo orgulloso de si mesmo
Os socialistas lucenses queren que o seu orgullo e paixón por Lugo sexa algo compartido “un orgullo común da cidadanía lucense e de quen nos visita”, polo que é importante o desenvolvemento turístico. Por iso, situarán a Lugo como a porta de entrada do Camiño Primitivo de Santiago e, coa creación do Consello Municipal de Turismo, traballarán en rede xunto ó sector público e privado para potenciar as posibilidades turísticas do Concello e atraer máis visitantes.
No tocante á cultura, o programa do PSdeG-PSOE de Lugo contempla a creación do novo espazo do Vello Cárcere, que será un motor da actividade cultural e asumen o reto do novo auditorio como contedor cultural con actividades programadas con carácter anual, para o que se facilitará un bono cultural de acceso. Na contorna rural, afianzarán as rutas como espazo e actividade de lecer e para as instalacións deportivas, anuncia López Orozco, un investimento de 600.000 euros e a posta en marcha dun novo pavillón nas Gándaras e unha zona deportiva en San Fiz.