A candidatura socialista traballará na defensa da muller e da inclusión social

José López Orozco, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo deu a coñecer hoxe as medidas que inclúe o programa socialista para as próximas eleccións municipais en materia de igualdade. “Se hai algo que me preocupa como Alcalde é a situación da muller e os problemas que está a sufrir polo feito de ser muller, por iso seguiremos atendendo as políticas de igualdade”. Tamén se referiu á necesidade de traballar a prol da inclusión social que garanta idénticos dereitos para toda a cidadanía.

Para avanzar neste eido, a candidatura socialista propón varias medidas: a primeira é a creación da Concellería de Igualdade, Diversidade e Inclusión que pilotará esta área e o desenvolvemento do IV Plan Local de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes de Lugo para afondar na formación co fin de avanzar na igualdade.

López Orozco asume no seu programa o compromiso de apoiar decididamente á muller, especialmente á muller rural, muller xitana, muller inmigrante e muller con discapacidade potenciando o seu desenvolvemento social, laboral e cultural. Tamén traballarán coa mocidade, desenvolvendo unha asesoría xuvenil especializada no fomento da igualdade entre homes e mulleres dende idades temperás, con charlas e talleres nos centros de ensinanza. Ademais, dende o goberno local lucense potenciarán a conciliación da vida familiar, laboral e participativa, adoptando medidas que impliquen a adaptación dos horarios de atención cidadá das oficinas municipais.

No ámbito da inclusión social, a candidatura do PSdeG-PSOE de Lugo traballará para responder ás necesidades da diversidade: persoas xitanas, colectivos LGTBI, inmigrantes e emigrantes retornados, así como a calquera grupo en especial risco de vulnerabilidade.

Por último, no ámbito do benestar, o programa da candidatura socialista que encabeza José López Orozco inclúe o compromiso de traballar transversalmente con tódalas concellerías, na adaptación e accesibilidade do transporte e dos espazos públicos municipais.