O Alcalde de Lugo mostrou a súa indignación coa Conselleira de Sanidade por non dotar de Hemodinámica 24 horas ao HULA
O Alcalde de Lugo, José López Orozco; a Vicepresidenta da Deputación Provincial, Lara Méndez; o Deputado autonómico, Juan Carlos González Santín; o Senador por Lugo, Ricardo Varela; a Deputada no Congreso, Margarita Pérez Herraiz; membros da Plataforma Cidadá que promoveu a Iniciativa Lexislativa Popular como Jesús Vázquez, José Manuel Carballo e Vicente Quiroga; e distintos representantes dos Sindicatos da Sanidade Pública, congregáronse esta mañá diante do Hospital Universitario Lucus Augusti, onde mostraron a súa indignación polo feito de que a Conselleira de Sanidade acudise onte a Lugo para ratificar que os lucenses non imos ter Hemodinámica as 24 horas.
Neste sentido, López Orozco anunciou que seguirá loitando coa finalidade de que o HULA dispoña as 24 horas do servizo de Hemodinámica. Por elo, propoñeralle ao Pleno da Corporación Municipal a declaración da Conselleira de Sanidade como persoa non grata e, ademais, pedirá o amparo do Valedor do Pobo porque, como destacou López Orozco, a saúde é o primeiro dos dereitos que temos as persoas e Feijóo está obrigado a garantirnos aos lucenses os mesmos dereitos que teñen o resto dos galegos.
Para o Alcalde, tamén é grave que o PP de Lugo non estea a defender os intereses dos veciños e veciñas. Neste sentido, López Orozco recoñeceu non comprender cómo pode ser que alguén que quere ser Alcalde, que pretende liderar a nosa cidade, actúe de palmero dunha persoa que nos ven negar os nosos dereitos e rematou instando a Jaime Castiñeira a explicar cal é a defensa que vai facer de Lugo e dos lucenses.
Iniciativas no Parlamento galego
Ademais, por este mesmo motivo, o Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE xa presentou varias iniciativas no Parlamento de Galicia. O obxectivo, que o Goberno galego dea marcha atrás e cumpra o compromiso asumido en 2009, cando se comprometeu a garantir no Hospital Universitario Lucus Augusti a prestación deste servizo as 24 horas e os 365 días do ano.