O Alcalde de Lugo falou da importancia que ten a Unión Europea no desenvolvemento económico e na promoción do emprego, polo que fixo un chamamento á participación dos veciños nestas eleccións
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Infraestruturas e Medio Rural, Manuel Chaín, mantiveron hoxe un encontro con veciños da zona rural no Local Social de Conturiz. Neste encontro falouse da importancia que ten a Unión Europea para o concello de Lugo no referente ao desenvolvemento económico e á promoción do emprego.
O Alcalde fixo referencia a todos os proxectos que está a desenvolver o Concello grazas aos fondos europeos. Así explicou López Orozco a importancia do proxecto Urban, a través do cal se están a realizar distintas actuacións de rehabilitación, intervencións en espazos públicos e a revitalización dos comercios e do turismo dende unha perspectiva de sostibilidade e participación cidadá.
Tamén mencionou outros proxectos como Lugo Emprego Activo, que permite favorecer o acceso ao mercado laboral de colectivos en risco de exclusión social; Muralla Dixital, que persegue a valorización do patrimonio histórico-arqueolóxico a través das Novas Tecnoloxías; ou LugoQualitas, a través do que se ofrecen prácticas profesionais para os mozos e mozas en diversos países da Unión Europea.
López Orozco dixo que o financiamento da Unión Europea para poder realizar estes proxectos é fundamental, sobre todo neste momento no que dende os distintos gobernos do PP se están a realizar recortes, que están a supoñer o sufrimento de moitos cidadáns.
Debido a esta importancia que ten a Unión Europea para Lugo, o Alcalde incidiu na necesidade de ter unha voz forte en Europa como a de José Blanco, que defenderá os intereses dos lucenses no Parlamento Europeo. Ademais fixo un chamamento á participación nestas eleccións europeas e pediu o voto para o PSdeG-PSOE.