Os socialistas lucenses recollen as primeiras sinaturas para o documento que reclama que a cidade e a provincia non queden sen tren de alta velocidade
José López Orozco, candidato á Alcaldía de Lugo e José Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSdeG-PSOE son os primeiros asinantes do manifesto Lugo quere Ave impulsado polo senador Ricardo Varela, polo deputado autonómico Juan Carlos González Santín e pola deputada no Congreso Margarita Pérez Herráiz, nun acto no que estivo a candidata socialista por Lugo Lara Méndez.
López Orozco salientou o seu compromiso co tren: reinvindicamos, e así vai constar no noso proxecto de Concello, a chegada do tren de alta velocidade á nosa cidade e que se cumpra o convenio asinado entre ADIF, Concello de Lugo, Renfe, Consellería de Política Territorial e Ministerio de Fomento. Engadiu ademais que, tal e como está proxectada a obra, non só teriamos unha estación Intermodal como merecemos senón que uniríamos a estación co conxunto da nosa cidade.
En referencia ás necesidades da sociedade lucense, López Orozco foi rotundo; é unha reivindicación que imos facer; que non pensen que imos estar calados. Segundo queremos hemodinámica tamén queremos que Lugo conte neste transporte que segundo a Ministra é o mellor do mundo, ou é que Lugo non merece o mellor do mundo?.
Con esta sinatura comeza unha campaña coa que os socialistas lucenses buscarán o apoio de tódolos grupos políticos, as institucións, sindicatos, Cámara de Comercio, Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e mesmo da Federación de Veciños, co fin de remitir o documento posteriormente á ministra de Fomento. Os socialistas lucenses consideran de absoluta xustiza que Lugo non perda o tren do AVE, dado o compromiso da propia Ministra fora conectar tódalas capitais de provincia españolas pola rede de alta velocidade. Ante o incumprimento do acordado para José Ramón Gómez Besteiro Lugo corre o risco de converterse na única capital de provincia galega excluída da Alta Velocidade.