Os socialistas escoitaron as suxestións e necesidades das entidades lucenses
José López Orozco, cabeza de lista da candidatura socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado de Ana González Abelleira, Ana Prieto e Miguel Fernández Méndez, mantiveron hoxe encontros coas entidades de interese social que teñen as súas sedes na Casa Clara Campoamor e na Casa María Mariño da cidade.
A candidatura socialista celebrou estas xuntanzas coa finalidade de atender as demandas e necesidades dos representantes destas asociacións que traballan no terceiro sector en ámbitos que abranguen dende a igualdade ou a accesibilidade, ata o benestar, a saúde ou a solidariedade.
As propostas achegadas na reunión polas entidades de interese social serán consideradas á hora de confeccionar o programa electoral co que os socialistas lucenses concorrerán ás eleccións municipais do próximo 24 de maio.
Nas próximas semanas a candidatura socialista, encabezada por José López Orozco, seguirá desenvolvendo encontros con colectivos empresariais, veciñais e sociais co fin de recoller suxestións e elaborar, deste xeito, un programa electoral no que participen diferentes entidades da sociedade lucense.