O candidato á Alcaldía de Lugo anuncia o compromiso do PSOE de derrogar a Lei cando chegue ao Goberno de España

López Orozco adianta a suba do investimento social no programa socialista

José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, criticou hoxe a Lei de racionalización e sostibilidade da Administración Local, aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy en 2013, porque “estrangula á Administración Local, no dá solución ningunha, senón ao contrario, crea moitos problemas; tantos que ata a propia Xunta de Galicia tivo que facer unha lei de coidados paliativos co fin de que os Concellos non quedaran sen ningún tipo de actividade”. En referencia a esta norma autonómica, López Orozco engadiu que “nos permite ir subsistindo nas nosas competencias pero non sabemos ata cando nin sabemos de que maneira”.

Acompañado dos Secretarios de Organización e de Política Municipal do PSOE Provincial de Lugo, Carlos Ferreiro e Álvaro Santos, José López Orozco anunciou os dous compromisos do PSOE ao respecto da Lei: recorreu a inconstitucionalidade da mesma ante o Tribunal Constitucional e promete derrogala en canto chegue ao Goberno de España. A razón é clara “non resolve ningún problema, non fai fortes aos gobernos municipais e non lle dá solución aos veciños e veciñas nos concellos de España, senón que os multiplica”. López Orozco engadiu, amais, que a Lei deixa aos concellos nunha situación incerta sobre as competencias propias e impropias e sobre como se financian esas competencias.

O candidato socialista á Alcaldía de Lugo explicou que, nestes momentos, o que precisan os concellos é unha reforma da Lei de bases da Administración Local para cumprir o Título VIII da Constitución e unha reforma da Lei de Facendas Locais para ter financiamento e poder exercer competencias e, sobre todo, para “saber cales son as competencias propias que é algo no que agora temos completa dúbida. As reformas permitirannos gobernar con seguridade e atender aos problemas dos veciños. Se non se soluciona, navegaremos nunha enorme incerteza”.

Programa socialista para as municipais
José López Orozco referiuse tamén ás propostas municipais do PSOE, que se presentarán esta fin de semana na Conferencia Municipal en Madrid, como “francamente progresistas e novidosas” porque se adaptan ás necesidades das persoas, a esta época nova e ao contexto da crise. No caso do concello de Lugo, explicou que, como é sabido, xa se ten actuado nese sentido, “apostando polos servizos sociais, polo investimento en persoas, polo que xa estamos dentro do que o Partido Socialista quere para tódolos municipios de España”.

Neste sentido, adiantou que no programa socialista se incrementará o orzamento destinado a gasto social para paliar os efectos da crise, que segue existindo, porque “non é un problema de comunicación, senón unha realidade. Non chegou ese cambio que nos queren facer ver. A saída da crise non chegou para a maioría das persoas e, polo tanto, hai que seguir atendendo esas necesidades porque queremos unha cidade inclusiva no medio ambiente, no urbanismo e nos servizos sociais”.

Ao respecto da proposta de Jaime Castiñeira de subvención de contratos de traballo declarou que “non é novidade no noso Concello, onde abrimos un capítulo de subvención de infraestruturas e contratación de persoas, polo que non é nada novo, pero para chegar a iso tivemos que esperar case seis meses polo permiso da Xunta”. López Orozco declarou tamén que segue esperando contestación de Núñez Feijoo á súa carta solicitándolle unha reunión para abordar a situación do HULA e que a falta de resposta e o rexeitamento á proposta da Deputación de Lugo para asumir eses servizos demostran “o desnortado que está o Presidente da Xunta e que non comprende a nosa situación; ou non a comprende ou están defendendo el e o señor Castiñeira intereses alleos á nosa cidade e á nosa provincia”.

Pola súa parte, Carlos Ferreiro, Secretario de Organización do PSOE Provincial, confirmou que “haberá candidaturas do Partido Socialista en tódolos concellos da provincia de Lugo. Levamos o traballo ben feito e xa estamos falando do programa mentres o Partido Popular de Lugo non ten nin candidatura”.