
A lista de José López Orozco presentouse esta mañá no MIHL
A candidatura socialista ofrece traballo, ideas e dedicación sobre todo para as persoas que o están pasando peor
López Orozco propón un goberno para todas e todos marcado pola solidariedade, a xustiza e a igualdade
O Museo Interactivo da Historia de Lugo acolleu a presentación pública da candidatura do PSdeG-PSOE de Lugo para os comicios municipais do 24 de maio. O candidato á Alcaldía, José López Orozco, encabeza unha lista de mulleres e homes que queren a Lugo e que teñen o compromiso de dedicar o seu tempo ao ben común para que o concello prospere. Neste sentido, agradeceu a tódolos integrantes da lista que fosen quen de dar un paso adiante coa cidadanía, recalcando que iso é a política: vocación de servizo para os veciños e veciñas da nosa cidade.
López Orozco apuntou que a candidatura se presenta para asumir o compromiso de loitar polo futuro de Lugo e dos lucenses tal e como estamos a facer dende o ano 1999. Temos claro que traballamos por aqueles que o están pasando peor, que son os que precisan da política neste momento económico e social difícil. E non lle temos medo á situación, que debe enfrontarse con traballo, ideas e dedicación. Con perspectiva de futuro, Orozco salientou que a candidatura socialista quere que Lugo chegue ao 2020 ofrecéndolle á sociedade as mellores oportunidades para vivir, traballar e ser felices.
En referencia ao momento político, o candidato do PSdeG-PSOE de Lugo á Alcaldía, recoñeceu que a política non está de moda pero este grupo de veciños lucenses sabe que a política, a democracia e o debate son as únicas ferramentas para garantir a convivencia en paz de toda a comunidade, tanto da zona urbana como da rural.
Un goberno para todas e todos
López Orozco fixo fincapé no contexto actual, xa que algúns gobernos provocan que a crise teña maior impacto nos que están en peores condicións. En Lugo, os socialistas queremos gobernar para todos e todas, especialmente, para quen máis está a sufrir este momento histórico. Como exemplo, apuntou que, nos anos 2013 e 2014, o Concello de Lugo foi o primeiro de Galicia e un dos cinco primeiros de España en gasto social e anuncioulle á cidadanía lucense que esta forma de gobernar non vai decrecer senón aumentar, dentro do posible, porque temos moi claro o ideario no que estamos todos: a solidariedade, a xustiza e a igualdade e os servizos públicos que reivindicamos por enriba de todo son os que poden garantir estas políticas.
En canto ás sensacións de cara á cita electoral do 24 de maio, Orozco declarou que a candidatura está animada, contenta e disposta a dar un paso adiante, tendo en conta que se deben á xente; ás persoas, porque malia seguiren o ideario socialista, o partido é soamente un instrumento de servizo. Engadiu que hoxe o partido socialista cos seus homes e mulleres é máis necesario ca nunca e a xente sábeo, por iso está seguro de contar coa confianza do pobo.