O Alcalde de Lugo está mantendo reunións coa cidadanía tanto da contorna rural como da urbana

José López Orozco, acompañado de concelleiros do Grupo Municipal Socialista, membros da Executiva Local do PSdeG-PSOE de Lugo e candidatos da lista electoral para as próximas eleccións municipais, celebrou esta noite unha xuntanza coas veciñas e veciños do rural no Local Social de Tirimol. O Alcalde coñeceu as ideas coas que a cidadanía considera que pode mellorarse o municipio.

O encontro enmárcase no programa “O PSOE en pé de rúa: Lugolízate e decide como queres que sexa o teu barrio, parroquia e concello”, co que os socialistas lucenses recollen as demandas veciñais do rural e dos barrios da cidade para poder incluílas no programa electoral co que concorrerán aos comicios municipais do vindeiro 24 de maio.

Ademais as propostas cidadás son un dos piares do Proxecto de municipio no que traballa o PSdeG-PSOE de Lugo para desenvolver un modelo de cidade inclusiva e participativa que permita a toma de decisións conxunta sobre asuntos primordiais.

A próxima xuntanza de López Orozco cos veciños e veciñas lucenses terá lugar o martes 17 de marzo no Centro de Convivencia da Milagrosa ás 20:00 horas.