No debate electoral organizado pola Asociación da Prensa lucense o candidato socialista aposta por situar a Lugo en Europa
José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, participou hoxe no debate electoral organizado pola Asociación da Prensa de Lugo ó que asistiron os cabezas de lista das sete candidaturas que concorren ós comicios municipais do 24 de maio. O acto celebrouse no Instituto Lucus Augusti e estivo moderado pola xornalista Amparo Roca.
López Orozco sinalou que o fundamental dos concellos son as persoas e, por iso, fixa como obxectivo do seu goberno incrementar o investimento social. “Nestes momentos, Lugo é o primeiro concello galego e o cuarto de España que máis dedica a esta área, 157 euros por habitante ó ano, e queremos ser o primeiro concello de España en gasto social”. Engadiu que, con estas políticas, os socialistas lucenses demostran a súa aposta pola igualdade e a solidariedade, independentemente da orixe e condición de calquera cidadán que sofre as consecuencias da crise económica.
O candidato socialista destacou, ademais, que a outra grande prioridade do seu programa é a loita polo emprego, para o que é importante “situar a Lugo en Europa e atraer fondos europeos que poidan reverterse na cidadanía, amais de buscar oportunidades para o desenvolvemento económico e turístico lucense no mercado global”.
López Orozco anunciou que a primeira medida que poñerá en marcha ó chegar á Alcaldía de Lugo será reclamar á Conselleira de Política Territorial o saneamento da zona rural lucense, no que o Concello asumiría o 25% do custo xunto co proxecto da obra
Defensa dos dereitos sanitarios
O candidato socialista reclamou de novo os servizos de Hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear para o Hula e recriminoulle a Castiñeira que rexeitase hoxe no Parlamento de Galicia a proposta da Deputación de Lugo para financiar eses servizos esenciais. Sinalou López Orozco que o candidato popular fixo hoxe unha nova demostración do seu compromiso coa saúde dos lucenses “dándolle as costas á cidadanía de Lugo, ignorando as necesidades de saúde das veciñas e dos veciños porque, sen entrar nas estatísticas, paga a pena o investimento aínda que só sexa para salvar unha soa vida humana”.
O candidato socialista á Alcaldía de Lugo, José López Orozco, rematou a súa intervención sinalando que o importante na vida política é estar preto das persoas e presentando os valores da súa candidatura “ofrecemos experiencia e proxecto, optimismo e sensatez e ofrecemos algo que nestes momentos é moi importante: sentidiño e ilusión, que é fundamental cando parece que as portas se pechan pero sempre hai saída”.