A candidatura socialista escoitou as propostas das dúas entidades e presentoulles as liñas do seu programa

José López Orozco, candidato á Alcaldía de Lugo, acompañado das candidatas socialistas Ana Prieto Nieto e Ana González Abelleira, mantivo un encontro hoxe con Cáritas Diocesana de Lugo, representada polo seu director, Ginés Plaza, e por persoal das distintas áreas da entidade como atención a maiores, emigrantes, infancia ou emprego.

Cáritas manifestoulle á candidatura do PSdeG-PSOE de Lugo o seu desacougo pola situación que atravesan as persoas que máis acusan as consecuencias da crise económica. López Orozco comprometeuse a incluír no programa socialista para as próximas eleccións municipais a loita contra a pobreza e a exclusión social que considera “unha cuestión de xustiza e de dereito”.

Reunión coa Coordinadora Galega de ONGD

A candidatura socialista encabezada por López Orozco reuniuse tamén hoxe coa Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, que promove a solidariedade, a creatividade e a interculturalidade en Lugo, con que se comprometeu a manter a axuda ós proxectos de cooperación e desenvolvemento que sitúan a Lugo como o único concello de Galicia que inviste nesta área 90.000 euros.

Os socialistas de Lugo celebran estas xuntanzas co fin de incorporar as propostas de distintos sectores lucenses ó programa electoral co que concorren ás eleccións municipais do próximo 24 de maio, para elaborar un programa cos pés na terra e no que se sinta representando o conxunto da cidadanía.