O Alcalde de Lugo celebra un novo encontro dentro do programa O PSOE en pé de rúa
José López Orozco, acompañado de concelleiros do Grupo Municipal Socialista, membros da Executiva Local do PSdeG-PSOE de Lugo e de candidatos da lista electoral para as próximas eleccións municipais reuniuse este serán con veciños e veciñas no Local Social de Díaz Castro no barrio do Castiñeiro. O propósito da xuntanza era escoitar as proposicións cidadás para lograr un mellor funcionamento do municipio.
Co programa O PSOE en pé de rúa: Lugolízate e decide como queres que sexa o teu barrio, parroquia e concello, os socialistas lucenses están recollendo as demandas da veciñanza, tanto do rural como dos barrios da cidade, para incorporalas ao programa electoral co que concorrerán aos comicios municipais do 24 de maio. A participación cidadá é un dos piares do modelo de concello que está desenvolvendo o PSdeG-PSOE de Lugo.