O candidato á Alcaldía de Lugo comprométese coa Rede Galega de Loita contra a Pobreza a incorporar as súas propostas no programa electoral

José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, mantivo hoxe un encontro con representantes da Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia) que agrupa a 126 entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego. A entidade presentoulle o documento “Compromiso coas persoas” no que inclúe 15 propostas para mellorar a loita neste ámbito, co fin de que a candidatura socialista os incorpore ao seu programa electoral.

López Orozco salientou o labor importante que desenvolve EAPN Galicia cos arredor de 672.000 galegas e galegos que viven en risco de pobreza e exclusión social e comprometeuse a atender as súas demandas: “estudarei o documento cos meus compañeiros pero xa podo dicir con seguridade que irá no noso proxecto de cidade para cumprir con estas persoas como o estamos facendo e para mellorar, que é o noso afán e o noso desexo”.

O candidato socialista á Alcaldía de Lugo apuntou que a atención ás persoas e aos problemas sociais é un sinal de identidade dos seus gobernos: “poderá quedar unha rúa sen facer pero as persoas non; os cartos para investir en educación, en risco de exclusión social, para que a xente atope traballo, para formación é moi necesario e importante”. Neste sentido, López Orozco lembrou que para poder cubrir as necesidades sociais é importante que os concellos teñan claras as súas competencias, por iso insistiu en que a Lei da Administración Local ten que ser derrogada.

Xosé Cuns, director de EAPN Galicia, pediu compromisos reais en diñeiro e en plans a medio e longo prazo aos partidos políticos na loita contra a pobreza e a exclusión social porque “as palabras xa non son suficientes nestas eleccións locais. Pedimos algo tan sensato como que se destinen 110 euros por habitante ó ano”. Destacou o traballo feito por López Orozco no Concello de Lugo en investimento social, xa que dedica 157 euros por habitante ao ano, fronte aos 49 de Pontevedra, por exemplo. Ademais, salientou que en Lugo hai un 17,7% de persoas en situación de pobreza e de exclusión social, fronte ao 33% de Monforte ou Chantada, sinalando as diferenzas que existen entre uns concellos e outros.