Ante a falta de resposta de Feijóo, López Orozco vese na obriga de enviarlle outra carta ó presidente da Xunta pedíndolle abordar as necesidades do HULA
O candidato socialista refírese a Castiñeira como o candidato do non
José López Orozco anima á cidadanía lucense a seguir pelexando polos seus dereitos sanitarios para que o HULA poida dispoñer dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Para o candidato socialista á Alcaldía de Lugo é importante que a xente de Lugo teña claro que a Xunta se move “pola presión. Polo tanto, pídolle á veciñanza lucense que presione de tódolos xeitos posibles para conseguir este obxectivo que é o obxectivo de toda a cidadanía lucense”.
En referencia ás accións emprendidas para demandar á Xunta de Galicia a implantación do servizo de Hemodinámica as 24 horas do día no Hospital Lucus Augusti, o Alcalde de Lugo lembrou que “xa lle escribín unha carta e o Presidente da Xunta non contestou. Para que sexan dúas veces, hoxe mesmo repetireille o escrito enviado, onde lle pedía unha entrevista para solucionar este problema. Aínda está a tempo; aínda ten a oportunidade de dicirnos que Lugo vai ter Hemodinámica 24 horas, sobre todo despois da oferta tan xenerosa da Deputación”. Considera López Orozco que, nestes momentos, non hai motivos para que a Xunta de Galicia siga negando este servizo “soamente a cerrazón, pero a cerrazón castiga á veciñanza da nosa cidade”. Por iso, reiterou que lle enviará ó presidente Feijóo a mesma mensaxe, engadindo a xenerosa oferta da Deputación Provincial e engadiu que “isto é o que merece a pena e o traballo que debemos facer entre as institucións: sentarnos ó redor dunha mesa e solucionar os problemas da veciñanza”.
Castiñeira é o candidato do non
López Orozco referiuse tamén á candidatura de Castiñeira como “o grande parto dos montes; esperando á última hora e ata o último momento” e confesou que, ao ser presentada in extremis agardaba que fose “o no va más” aínda que esa idea era errónea. “Co aprecio e respecto a tódalas persoas que van na lista, Castiñeira é o candidato do non e debería contar cantas persoas, mesmo no seu partido, lle dixeron que non querían ir con el e estar nesa lista porque se non, non se explican as idas e voltas dunha candidatura que tardou tanto tempo en darse a coñecer”.