O candidato socialista mantivo hoxe unha reunión con membros da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo para recoller propostas para o programa electoral
Outra das propostas mellor recibidas foi a creación no polígono do Ceao de naves para alugar a novos empresarios con opción a compra, sempre que sexan viables
O candidato do PSdG-PSOE de Lugo, José López Orozco, mantivo esta mañá unha reunión con membros de AJE para dar a coñecer as súas propostas que recollerá no programa electoral e coñecer as necesidades dos empresarios máis novos.
López Orozco comprometeuse a crear unha Oficina Municipal de Tramitación de Expedientes na zona dotacional que lle corresponde ao Concello no parque empresarial das Gándaras. Este portelo único empresarial, estudiado xunto coa Cámara de Comercio, pretende ser o referente para os empresarios en materia de administración xa que se poderán xestionar todos os trámites necesarios dunha forma máis áxil.
López Orozco tamén lembrou que debemos continuar co fomento do espírito emprendedor formando a empresarios e a novos xerentes, un exemplo claro desta necesidade témolo ante o éxito obtido co centro de Garabolos.
Na xuntanza trataron temas como a necesidade de que rematen pronto as infraestructuras como a autovía de Lugo- Santiago ou a do Cantábrico, dúas vías de comunicación moi importante para os empresarios lucenses e que poden achegar máis empresas de fora.
Parque empresarial das Gándaras
O candidato do PSdG-PSOE manifestou que seguirá coa labor de presión para que a Xunta abarate o prezo do metro cadrado do parque industrial das Gándaras porque podemos ter un polígono de cinco estrelas pero se a ese solo non van empresas de pouco nos vale. Ademais lembrou que para competir cos polígonos da zona hai que baixar o prezo das Gándaras porque é o 5º máis caro de Galicia.
Neste sentido, López Orozco, amosou a colaboración por parte do Concello para crear un plan de comunicación en conxunto coa Xunta e dar a coñecer as boas condicións que ten Lugo como ubicación para crear empresas e para a instalación das mesmas xa que a cidade se atopa neste momento coas condicións óptimas para a creación empresarial.
Parque empresarial do Ceao
En canto ao parque empresarial do Ceao, López Orozco, manifestou a necesidade de seguir invertendo na mellora das súas infraestructuras e anunciou que hai un convenio coa Xunta por valor de 24.000.000 de euros para a rehabilitación deste parque empresarial.
Outra das propostas é crear un Centro de Negocios en parcelas do Concello para facilitar a consolidación de empresas creadas en viveiros empresariais. Trataríase dunha serie de naves e edificios industriais con equipos determinados para que aquelas empresas que necesiten solo industrial se poidan asentar neles en réxime de aluguer con opción a compra, sempre que presenten proxectos viables.
López Orozco lembro tamén que está a disposición de todos os empresarios lucenses e que o Concello vai crear un centro de novas tecnoloxías nos edificios situados na parte de atrás do Concello para facilitar o traballo e as ferramentas dixitais ás pequenas empresas.