O candidato socialista propuxo colaboración coa Xunta de Galicia para que poñan a disposición dos artesáns os edificios desta zona do casco histórico de Lugo

O candidato socialista, José López Orozco, acompañado de Sonia Mendez, Esther Muñoz e Concepción Burgo, presentou a súa proposta para a rehabilitación total da zona da Tineria.

López Orozco lembrou que a proposta que se fixo dende o Concello no ano 2002 á Xunta para a rehabilitación desta zona foi esencial para cambiar a imaxe da zona histórica. O socilista explicou que se rehabilitaron boa parte das vivendas para poñelas ao servizo dos veciños, especialmente dos mozos que se queren independizar.

“Agora temos moitos baixos recuperados co cal e, gracias ao Plan Urban, nós propoñemos á Xunta que se poñan a disposición dos artesáns para crear o barrio das artes.” segundo declarou López Orozco. “Trataríase de ofrecer aos artesáns que non precisan un gran espazo para realizar o seu traballo, e nós dende o Plan Urban ofrecemos esa posibilidade.”

O candidato socialista adiantou que xa se tiveron reunións con diferentes gremios da cidade e “que lles parece moi boa idea e que aceptan gustosos a nosa oferta, por iso a Xunta debe ver na nosa idea un traballo de colaboración que mellorará a calidade de vida de toda a cidade”.

José López Orozco, destacou que detrás desta proposta está a idea de creación de emprego, “unha posibilidade pola que temos que loitar todos os veciños e veciñas”, xa que se consguirían novos postos de traballo e a rehabilitación social dunha zona moi próxima á Muralla. Ademais lembrou a posibilidade de crear un viveiro de empresas nesa zona como base para os artesáns que están comezando.

O socialista invitou a Xunta a que colabore sen temor co Concello e, se non, teñen presuposto suficiente que nos informen e nós poñeremos o necesario “pero que non pase como coa Fonte da Pinguela, que leva anos agardando a ser rehabilitada”. López Orozco lembrou que o Concello xa se puxo en contacto coa Consellería de Cultura para facer, con cargo ao Plan Urban, a súa rehabilitación.