O candidato socialista ratificou na reunión cos veciños que non consentirá a creación de vivendas de protección oficial nas proximidades do futuro Auditorio, modificación que xa solicitou por escrito ó Goberno Galego

Orozco subraiou que o 24 e xuño quedará aberta a Nova Ponte do Miño que, segundo os estudos de tráfico de Fomento, ten o triple de capacidade, polo que non fai necesario atravesar o Parque Marcos Cela

Augas Férreas-Acea de Olga pasou de ser unha zona residencial da cidade que non ocupaba o centro a erixirse como a gran Porta Sur de Lugo, destacando polas recentes comunicacións -que a converteron nunha das mellor comunicadas do municipio-, numerosos espazos dotacionais e unha forte vinculación co río Miño. Este conxunto de actuacións, lideradas por José López Orozco, foi presentado esta tarde ós veciños do barrio, acompañado polo número dous da lista, candidato á repetir na Presidencia da Deputación e outro dos aliados do Alcalde no desenvolvemento da zona Sur, José Ramón Gómez Besteiro.

López Orozco destacou que “esta zona é sumamente importante para o Concello e, tanto nós como a Deputación, continuaremos intensificando o traballo para que sexa a gran Porta Sur de Lugo, a porta por excelencia da cidade, esa que queremos ensinar a todo o que veña”.

Lembrou que, con todos os cambios desenvolvidos nos últimos anos a través dun investimento municipal próximo ós 10 millóns de euros, a día de hoxe é un dos barrios que máis se revalorizou na cidade e que foi grazas ó empeño do Concello: “Hai uns anos nesta zona non había nada: pequenas hortas e maleza. Hoxe dispoñemos dunha marabillosa zona residencial, con zonas verdes e todo tipo de dotacións: catro parques infantís, unha Casa da Xuventude, unha Casa das Linguas, o centro de convivencia de Fingoi, amplas zonas verdes que aínda o serán máis cara o río grazas á Deputación –que afrontará o remate do Paseo do Miño fronte á fábrica de Arias Nadela- e que tamén se incrementaron co Mirador do Parque Marcos Cela, todo o desenvolvemento da sur-k en San Fiz –onde se asentará a nova sede da Policía Local-, a continua ampliación do Campus Universitario…”. Neste punto Gómez Besteiro destacou que hoxe mesmo tivo lugar a mesa de contratación para a nova Escola de Enxeñería Civil que a Deputación e a USC van construír no Campus, sumada ás expropiacións que está sufragando o organismo provincial para seguir consolidando a área universitaria da cidade e ás numerosas actuacións no entorno do antigo Hotel Miño.

Sen dúbidas coa Ponte nin as vivendas oficiais
López Orozco desmentiu todas e cada unha das declaracións que se viñeron realizando interesadamente polo Partido Popular e que afectan de maneira importante a esa zona. “Ante as mentiras que se están vertendo quero aclarar e ratificar que o Concello non está a favor da edificación de vivendas de protección oficial nesta zona e así me comprometín por escrito a través dunha carta oficial remitida dende o Concello para o presidente da Xunta de Galicia”.

“Nos o que queremos é que esas vivendas se constrúan na zona do novo hospital, pero aquí, mentres eu sexa alcalde, non permitirei esa construcción porque para este barrio está destinado o Auditorio de Lugo” explicou o candidato socialista. Gómez Besteiro lembrou que mentres que o Ministro de Fomento xa ten a nova ponte practicamente rematada, o Presidente da Xunta, “tomando posesión ó mesmo tempo que o Ministro, aínda non empezou o Auditorio. Son exemplos que demostran quen xestiona e que crea problemas”.

O parque Marcos Cela

O segundo punto que quixo aclarar aos veciños foi o futuro do parque Marcos Cela. José López Orozco destacou que “o 24 de xuño inaugúrase a Nova Ponte sobre o Miño, unha infraestrutura moi necesaria para toda a cidade e que nos beneficia a todos”. Na mesma liña o candidato socialista explicou que “os estudos do Ministerio de Fomento revelan claramente que a nova ponte triplicará a capacidade da actual –que hoxe ten 12.000 vehículos diarios-, polo que hoxe non é preciso tocar ó parque Marcos Cela, ningunha estrada o vai cortar”. De feito, reiterou que recentemente o Concello incrementou a superficie deste parque coa zona do Mirador, próxima á Volta da Viña. “Por certo, ofrece unha das panorámicas máis belas da cidade”, dixo.

López Orozco, explicou que a necesidade de facer unha nova ponte era polo estreitura da ponte vella, non pola cantidade de vehículos, “é un problema de espazo físico, de non poder atravesar dous vehículos á vez, non de fluidez de tráfico”. Por iso explicou que hoxe son suficientes os accesos.