O candidato socialista á Alcaldía esíxelle á Xunta que cumpra o prometido e non siga enganado á veciñanza
 
López Orozco critica o programa irrealizable de Castiñeira

José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, pediulle hoxe á Xunta de Galicia que asuma o compromiso adquirido coa veciñanza do Barrio da Residencia porque “estamos ante un novo incumprimento do señor Feijóo, axudado polo señor Castiñeira. Prometeron un PAC, un laboratorio de saúde pública de referencia e servizos para darlle ó barrio as dotacións que precisa logo do traslado do hospital”.

Ademais, López Orozco criticou que os populares poñan a escusa da existencia duns estudos que, segundo eles, acreditan o mal estado das infraestruturas porque “descoñecemos eses informes; queremos saber como son, quen os fixo, canto nos custaron ós galegos e que din”.

A proposta socialista para o Vello Hospital
O candidato socialista á Alcaldía de Lugo sinalou que no Plan Xeral de Ordenación Municipal queda claro que os terreos do vello hospital son un espazo dotacional e achegou un dato para a reflexión ó redor do uso que deben ter xa que “máis do 21% da poboación lucense ten máis de 65 anos e desde 1977 non se constrúe en Lugo ningunha residencia pública”.

Por iso, engadiu, a proposta do PSdeG-PSOE é o que precisa o barrio “un PAC e unha residencia pública para persoas que precisan asistencia e para as que non a precisan porque, vista a situación económica, moita xente non pode pagar unha privada e a Xunta de Galicia débelles un lugar para poder vivir coa dignidade coa que ten dereito a vivir toda a cidadanía”. Ademais para López Orozco “este barrio merece volver ter a vida económica e social que se lle quitou cando se trasladou o Hospital”.

López Orozco criticou o anuncio feito por Castiñeira nos medios de comunicación porque só fala dunha comisaría para estes terreos, que non é o que quere a veciñanza do barrio, polo que cre que “deben darlle unha explicación”.