O Alcalde de Lugo segue celebrando encontros coa cidadanía do rural e da contorna urbana
José López Orozco, acompañado de membros da Executiva Local do PSdeG-PSOE de Lugo, de concelleiros do Grupo Municipal Socialista e de candidatos da lista electoral para as próximas eleccións municipais mantivo esta noite unha xuntanza con veciños e veciñas do rural no Centro de Dinamización Social de Santa María de Bóveda. O Alcalde escoitou propostas coas que a cidadanía pensa que se pode mellorar o municipio.
A participación cidadá é un dos aspectos que potencia o Proxecto de municipio, un programa no que traballa o PSdeG-PSOE de Lugo para crear un modelo de concello que responda ás necesidades presentes e futuras dos seus habitantes.
Co fin de coñecer de primeira man as demandas da veciñanza do rural e da zona urbana, os socialistas lucenses desenvolven a campaña O PSOE en pé de rúa: Lugolízate e decide como queres que sexa o teu barrio, parroquia e concello, na que se enmarcan estes encontros. As propostas realizadas serán incorporadas ao programa electoral co que a candidatura socialista encabezada por López Orozco concorrerá aos comicios municipais do vindeiro 24 de maio.
O seguinte encontro de José López Orozco cos veciños e veciñas lucenses será o vindeiro martes no Local Social de Tirimol ás 21:00 horas.