O Alcalde de Lugo escoitou as propostas da cidadanía para mellorar o municipio

José López Orozco, acompañado de concelleiros do Grupo Municipal Socialista, membros da Executiva Local do PSdeG-PSOE de Lugo e candidatos da lista electoral para as próximas eleccións municipais mantivo un encontro esta noite con veciñas e veciños no barrio da Milagrosa co fin de recoller as súas suxestións para que o concello siga avanzando.

Os socialistas lucenses desenvolven a campaña “O PSOE en pé de rúa: Lugolízate e decide como queres que sexa o teu barrio, parroquia e concello” para dar voz á veciñanza e poder incluír as súas propostas no programa electoral co que concorrerán aos comicios municipais do vindeiro 24 de maio.

A próxima xuntanza de López Orozco coa cidadanía lucense será o xoves día 19 de marzo no Local Social de Díaz Castro no barrio do Castiñeiro ás 20:00 horas.