A boa acollida das xuntanzas e as ideas achegadas amosan o interese da xente por participar na vida da cidade
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, está satisfeito co resultado das reunións celebradas ao longo dos últimos meses cos veciños e veciñas lucenses porque serviron para dar cabida á participación cidadá: un proxecto para un Concello nunca pode ser só dun grupo de persoas, por moito que se pense; canto máis participativo sexa, máis posibilidades hai de facer un proxecto bo.
Coa finalidade de manter o contacto directo coa xente e para escoitar as propostas cidadás, púxose en marcha a campaña O PSOE de Lugo en pé de rúa que José López Orozco valora en positivo polas propostas recibidas e por ter sido útil para que a veciñanza expresara as súas ideas para facer de Lugo un Concello que se modernice, que siga progresando, que sexa inclusivo e onde ninguén se sinta fóra da súa mellora constante. Tivemos ideas espléndidas por parte dos veciños.
O Alcalde de Lugo considera que as reunións mantidas serviron tamén para percibir o interese cidadá por participar na vida municipal, por implicarse en que continúe a mellora de Lugo. Neste sentido, os veciños e veciñas que acudiron ás xuntanzas presentaron os seus problemas e achegaron ideas relacionadas co turismo, coa mobilidade, coa vida en comunidade, coa necesidade de atender as emerxencias sociais dándolle prioridade ás persoas por enriba das infraestruturas e coa necesidade de fomentar o emprego neste contexto económico difícil. As súas demandas serán tidas en conta á hora de elaborar o programa electoral para as eleccións municipais do 24 de maio.
As reunións veciñais celebráronse nos centros de convivencia María Balteira no barrio da Piringalla, Maruja Mallo no barrio das Fontiñas, Fingoi e a Milagrosa. Tamén nos Centros de dinamización social de San Xoán do Campo, Coeses e Santa María de Bóveda e nos locais sociais de Díaz Castro no barrio do Castiñeiro, no de Esperante e no de Tirimol.
O PSOE en pé de rúa
Os socialistas lucenses desenvolveron nos últimos meses unha intensa campaña de proximidade coa cidadanía a través do programa O PSOE en pé de rúa: Lugolízate e decide como queres que sexa o teu barrio, parroquia e concello. Con el queren atender as demandas veciñais tanto da contorna rural como dos barrios da cidade para incluílas no seu programa electoral que estará pegado á realidade dos problemas cidadás e contando coas persoas.
A participación cidadá é unha das bases do Proxecto de municipio, o programa co que o PSdeG-PSOE de Lugo deseña un modelo de concello que faga fronte aos desafíos actuais e futuros da cidadanía.