O Partido Popular pide ó Concello a baixada dun imposto que sobe o Goberno de Rajoy e dá información falsa do que cobra A Coruña polo imposto de vehículos
A Concelleira de Economía insta á Jaime Castiñeira a rectificar as mentiras e erros do PP sobre os impostos en proba de respecto ós cidadáns de Lugo
A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, deixou hoxe en evidencia as últimas mentiras do Partido Popular e advertiullle a Jaime Castiñeira que mentir en política, igual que no resto da vida, non sae gratis.
Sonia Méndez destacou que en menos de quince días Jaime Castiñeira mentiu ou meteu a pata e fixo o ridículo dúas veces.
Primeiro pediu que o Concello faga o que Rajoy nos prohibe, reclamou que rebaixemos o IBI, e agora dí que temos o imposto de vehículos dos máis caros de Galicia cando é xusto ó revés, manifestou Sonia Méndez.
Ademais de lembrarlle de novo a Castiñeira o que todo mundo sabe, que é o Goberno de Rajoy quen obrigou ós concellos a subir o IBI, a Concelleira de Economía salientou que igual que o billete do bus ou a tarifa da auga, o IBI e o Imposto de Vehículos no Concello de Lugo están por debaixo da media tanto de Galicia como de España.
A Concelleira de Economía tamén chamou a atención sobre a asombrosa paradoxa que supón que o partido que sobe o IBI, o partido que sobe o IVE, o partido que baixa as pensións, o partido que cobra os comedores escolares e o mesmo partido que cobra o tratamento ós doentes de cancro, e non sigo por non cansalos, pida en Lugo, onde o Concello mantén conxelados impostos e taxas, unha baixada de impostos.
Sétimo IBI máis barato de España
Méndez explicou que Lugo ten o sétimo IBI máis barato das 52 capitais españolas, dacordo co único ranking tributario oficial que hai en España, e espero que Castiñeira non sospeite de Ana Botella, xa que estou falando do ranking tributario da Axencia Tributaria do Concello de Madrid.
Antes fixo o ridículo pedindo que baixemos o IBI cando Rajoy nos obriga a manter a suba, por terceiro ano consecutivo, e cando aínda esperamos unha rectificación, agora volveu cometer outro importante erro, non sei se por desgana ou por estár moi ocupado en Santiago, manifestou a Concelleira de Economía.
Novo ridículo co Imposto de Vehículos
Se lera os papeis completos evitaría facer o ridículo de novo, por segunda vez consecutiva en quince días, sinalou Sonia Méndez porque tampouco é certo que o importe do Imposto de Vehículos da Coruña sexa a metade do que temos en Lugo, na Coruña non son 34 euros senón 60,8 euros no tramo do que el falaba, de 8 a 11,99 cabalos fiscais.
A explicación deste novo erro do Partido Popular sería, segundo a Concelleira de Economía que empezou a ler a Ordenanza fiscal da Coruña e cansouse antes de acabar, así que non leu o que dí a disposición adicional primeira da mesma.
Méndez aclarou que é falso tamén que en Lugo teñamos o Imposto de Vehículos dos máis caros de Galicia e España, xa que figura no decimosétimo posto máis barato de España, e témolo doce euros máis barato da media do importe que se paga nas cidades de Galicia.
A Concelleira de Economía rematou instando a Jaime Castiñeira a pedir disculpas ós cidadáns e ós medios de comunicación de Lugo pola falta de respecto que supón dar información falsa, neste caso sobre os impostos que se pagan na nosa cidade.