Os populares “queren desviar a atención sobre asuntos que prometeron e non cumpriron, como os servizos do HULA ou do barrio da Residencia”, asegurou Miguel Fernández
Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE convertéronse no pleno deste xoves en “cómplices do oportunismo, populismo e intento de xudicializar a política” do Partido Popular, ao absterse na votación da proposta dos populares de crear unha comisión non permanente sobre O Garañón e propiciar, polo tanto, a súa aprobación, subliñou o voceiro municipal, Miguel Fernández.
O socialista recalcou “a sospeitosa fixación” do PP con esta cuestión, coa que “quere poñer unha cortina de fume para derivar a atención sobre outros asuntos que prometeron e non cumpriron, como a dotación dos servizos pendentes ao HULA ou ao barrio da Residencia”.
O PP “chega tarde, 16 anos tarde”, asegurou Fernández, quen lembrou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado polos populares no ano 1991 “permitía o dobre de edificabilidade para O Garañón, e grazas ao Goberno local do PSOE se reduciu a volumetría, tratando de compatibilizar os lexítimos intereses de ambas partes”.
Ademais de defender “a profesionalidade dos técnicos municipais”, que o PP puxo en dúbida durante o Pleno, o voceiro incidiu en que xa existe unha comisión informativa sobre Desenvolvemento Sostible, “na que se pode tratar a situación do Garañón con técnicos e expertos”.