Álvarez destaca os proxectos sociais e económicos para Lugo nos que a esquerda pode chegar a un acordo e que se botarían a perder se o PP goberna o Concello
“Estou seguro de que os cidadáns non o entenderían e tampouco que Lugo volte ós tempos da Inquisición”, advertiu o Voceiro do Goberno local en funcións
O Voceiro do Goberno local en funcións, Luis Álvarez, instou hoxe ó resto das forzas políticas de esquerda que terán presenza na nova Corporación municipal a debater sobre o proxecto de cidade, para evitar que o Concello de Lugo volva “ós tempos escuros do Partido Popular”.
“Na defensa dun futuro para Lugo, diríxome, neste momento, ó resto das forzas políticas de esquerda para debater sobre o proxecto de cidade que temos uns e outros” manifestou Luis Álvarez, xa que, sinalou, “eu estou seguro de que os cidadáns non entenderían que forzas de esquerda amosasen semellante desdén e desinterese respecto deste proxecto que podemos compartir con eles”.
“Tamén estou seguro de que a cidadanía sería incapaz de entender que voltasen a este concello os tempos da Inquisición, demonizando e queimando na praza pública ou, no seu caso, no Salón de Plenos ás persoas que lle resultan incómodas”, advertiu Luis Álvarez.
O Voceiro do Goberno local en funcións reclamou un debate sobre proxectos entre as forzas progresistas, e amosou o seu convencemento en que as propostas para a cidade contidas no programa electoral do PSOE, “son compartidas nunha elevadísima porcentaxe por esas outras forzas de esquerda”.
“Poñemos sobre a mesa as nosas propostas, a nosa intelixencia, a nosa capacidade de traballo e a nosa experiencia e estamos dispostos a recibir a calquera aportación que serva para mellorar o concello de Lugo”, anunciou Luis Álvarez, que se preguntou, tamén, se os grupos progresistas do Concello queren renunciar “por ese afán inquisitorial, dirixido contra a persoa que encabeza a nosa lista, o señor López Orozco” a medidas que propón o PSOE “como aumentar ó 22% o investimento social, cando xa somos a primeira cidade de Galicia no gasto social, ou a un proxecto que aposta decididamente por tirar proveito das potencialidades urbanas e rurais do noso concello; un proxecto que prevé a posta en marcha dun programa de emprego rural, o desenvolvemento dun programa de Produtos Comarca de Lugo, coa implicación da Universidade e coa xestión de novos fondos da Unión Europea; un proxecto que aposta polo incremento decidido da participación cidadá na vida municipal, que tanto venden outros, mediante a creación dun Consello Social e Consellos parroquiais; e a un proxecto que aposta pola sostibilidade enerxética que prevé un aforro do o 40% e o compromiso de adicar eses cartos a temas sociais”.
Logo de debullar algunhas das propostas de futuro para Lugo nas que se propón traballar o PSOE, Luis Álvarez destacou que “nós estamos totalmente dispostos a debater sobre ideas, porque ese debate suma e, polo tanto, sempre enriquece”.
“Advertimos ó resto das forzas de esquerda que están renunciando a decidir sobre o futuro de Lugo, xa que renuncian a este programa, coas melloras que a súa participación poida incorporar, e van poñer o Concello de Lugo nas mans deste outro programa; por estar convertidos en verdadeiros tribunais da Inquisición, en Torquemadas, eles van decidir que este señor, con este programa, goberne o Concello de Lugo durante os próximos catro anos”, salientou o Voceiro do Goberno local en funcións ó tempo que amosaba os programas políticos do PSOE e do PP.
Luis Álvarez pediulles ós grupos de esquerda no Concello “un exercizo de reflexión e de responsabilidade para que Lugo non volva ós tempos escuros do Partido Popular, que non deixen o Concello nas mans do Partido Popular, que ten amosado sistemáticamente o seu desprezo polas necesidades dos lucenses, que lle deu o apoio ós servizos do Hula, que nunca apoiou a Alta Velocidade para Lugo, e que sostén o Ministerio que meteu nun caixón o proxecto da Intermodal da nosa cidade”.
“Por derradeira vez instoos a que reconsideren a qué están renunciando por vetar ó noso candidato e que non fagan volver este Concello ós anos 90” e lembrou que “detrás dese permanente sorriso se esconde un xeito de gobernar no que as persoas nunca ocuparon o primeiro lugar nas prioridades, por diante das persoas sempre poñen por diante outros intereses”, reclamou o Voceiro do Goberno local en funcións.